17/11/22

TRABALINGUAS: PARTIR

SAPO PIPO PARTIU A PATA

PATA PERE PARTIU O PICO,

PIPO E PERE PARTIRON ALGO,

PERE E PIPO ALGO PARTIRON.

20/07/22

TERRA ARDIDA, INCENDIADA, CALCINADA

 TERRA ARDIDA, INCENDIADA, CALCINADA

 

As lapas devoran con ansia,

esgazan famentas.

Arrasan todo.

Devastan á mantenta.

 

As vagas de lume

-incontroladas, entolecidas-

percorren os montes,

engulipan o bosque

tragan descomedidas.

 

Escóitanse os queixumes

das formas de vida

que arden a eito

mentres pregan,

imploran e rezan

pola choiva que non chega.

 

O denso fume

fai espirrar ás nubes.

O verde vírase negro

e o rechouchío vólvese silencio.

En nada, nun suspiro,

quedou todo ermo,

séculos de crecemento

esvaeceron nun pestanexo do tempo.

 

Durante décadas

laiarase o vento

ao faltarlle

os aloumiños das pólas ao pasar,

chorará o orballo

ao non ter follas onde se pousar,

arrepiarase o sol

ao tocar cos seus raios un chan cinsento

e o solo estará morto, sen alento.

04/06/22

VILARIÑAS PARA OS SOUTOS DAS ERMIDAS

 



No souto...

as pólas repetían os retrousos

que a forza do vento lles ensinara.

 

As árbores na época castañega

danlle a benvida ás ventadas

para que lles quiten a nugalla.

 

03/06/22

ALGUÉN MOVE OS FÍOS

Vivo nunha proxección de infinito desacougo.

Sinto que 

vivo nun espazo virtual

que eu non creei,

nunha virtualidade indesexada,

nun lugar no que non levo

as rendas do meu destino.

Síntome como 

unha personaxe secundaria

no videoxogo da vida.

Estou como espida 

nun universo virtual

que alguén manexa

e me coloca onde desexa.

Rebélome...

Non quero ser monicreque

en mans de ninguén:

desfareime del adrede,

á mantenta,

burlarei o meu fado 

e cantareille as corenta.

Soltarei nesa rede un virus malicioso, 

un malware que se infiltre 

e me libre

 deste mundo caprichoso.





 

01/06/22

MICROPOEMAS: VILARIÑAS Á GRANXA DAS SALINAS DE ULLÓ

 



Esta corredoira

xa ninguén a percorre

agás a calixe.

 

Todo está adormecido.

Só os fíos do vento

percorren o vieiro.

 

Agacháronse

entre os brazos do verde,

as pedras deshabitadas.

 

 

Só o bico do vento

mantén con vida

este espazo deshabitado.

 

Bágoas de orballo

e suspiros do vento

camiñan senlleiros pola corredoira.

 

 

Suspiros ceibados

que xa ninguén escoita...

A soidade acompaña ás pedras.

 

 

O vento destrenza

varelos vexetais.

As pedras resisten.

 

18/05/22

VILARIÑAS AO CASTRO DE TROÑA

 

Tamén á nosa civilización

levaraa o tempo

como o vento ás follas.

 

 

Aí a historia.

Costumes e crenzas

apreixados nas pedras.

 

Esmoreceron as verbas,

mais para dar testemuño do pobo

quedan as pedras.

 

 

Un pobo non esmorece

se hai testemuños

que en pedra permanecen.

 

 

 

 

 

 

16/03/22

MICROPOEMAS: DENDE O ALTO

 


O sol coouse

entre os beizos do ceo.

Saúda á paisaxe dando un garbeo.

 

 

Vivo no pico, no alto.

Dende aló enriba coido a aldea

arrolada polo verde dos campos.

 

 

Dormen as rochas á miña beira

mentres os bicos da choiva

vanas convertendo en area.

 

Fendeu as nubes

tan pronto se descoidaron

e alumou á aldea que estaba debaixo.

 

 

A aldea desesmorecía

acariñada polas raiolas do sol

que as nubes non contiñan.