Amosando publicacións coa etiqueta POEMAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta POEMAS. Amosar todas as publicacións

25/08/26

ARRISCARSE PARA SOBREVIVIR

 

ARRISCARSE PARA SOBREVIVIR

Non saben se esa travesía,
fuxindo da desventura,
conducirá ou non
á consecución de soños
(incertos voos 
de pequenos paxariños 
que comezan a mover as ás). 
Será seguro a travesía da perda:
do seu espazo,
da identidade,
a cultura.

Unha viaxe nun feble flotador 
coa pretensión
de manter a salvo
de vagallóns e maremotos
as ilusións
e os devezos de futuros marabillosos.

Viaxantes da brisa e da escuma
que anhelan chegar á praia
e atopar as cunchas do caurí
que prognostiquen boa fortuna.
Ese galano incerto
que imaxinan alén do mar
fan que se arrisquen a cruzar fronteiras
e suquen as liñas das ondas
cara a un norte prometedor.

Mais non é emigración
é escapada, fuxida,
na procura dunha vida
.

Todo o corpo alerta:
Os ollos á espreita
na procura dunha luz que alume,
que borre a incerteza da bruma,
que indique o camiño no escuro.
Os brazos cansos
de loitar contra as ondas para avanzar
e evitar nadar na nada.
O corazón ferido
inzado de desexos
-que ogallá non sexan espellismos
nin cubos de xeo no deserto-.

Fálalles o mar queixoso,
-inda que non ten culpa-,
quixese estar sementado de penedos
para darlles apoio
nun camiño que se fai longo.
Perseguindo un futuro que lles venden,
ou se lles antolla que está preto
(a tan só uns cantos golpes de brazos e pernas),
pérdense bastantes nas salgadas augas,
intúeno, mais só teñen ante si a saída,
detrás non teñen, non hai nada.

Mais non é emigración
é escapada, fuxida,
na procura dunha vida.


Só queren fuxir da miseria, do medo, da dor
coa forza da solidariedade.
Só queren mellorar, afastarse da fame,
inda que eslimen sobre a inseguridade.
Só queren buscar fíos resistentes
para manexar os palillos no encaixe da vida.

Pero atopan sombras,
decepción,
unha hostil acollida.
Hai na terra da prosperidade
peitos cheos de xeo
e odio
que medra no niño da discriminación.

Mais non é emigración
é escapada, fuxida,
na procura dunha vida
.

 

20/07/26

20 DE XULLO DE 1936

Lectura do bando de guerra,

(horror na nosa terra)

láiase en soidade Pontevedra.

                                     Infausta data,

                                    funesta,

                                    desafortunada...


Iníciase  unha despiadada,

sistemática e cruel represión

violencia salvaxe e premeditada,

violencia atroz e desalmada

contra persoas de calquera idade

violencia sen distinción,.

                                     Inhumanidade


Medo e coerción.

                                    Corenta anos de terror.

O espanto e o pavor

apropiáronse da vila

(das rúas, prazas e fogares),

do aire, da ría...

a calquera hora

tanto daba se era noite ou día.


E encheuse a vila de tebras,

da chamada delación fría,

de densos e asfixiantes silencios,

de segredos de temor e nebra...


                                     E inda, despois de tantos anos,

                                       espérase que clarexe

                                     coa luz da xustiza e a reparación.




18/07/26

HOXE NAI NOVENTA

 HOXE, HAI NOVENTA

Violentaron a liberdade,
racharon coa orde,
encheron de medo corazóns e entrañas,
esnaquizaron a legalidade.
Sementaron odio e traxedia,
tinguiron de espantos o futuro,
encerraron esperanzas tras os muros,
atormentaron con facas e cadeas.
Ríos de fel percorreron aldeas
e regaron silencios que agochaban traxedias.
Xurdiron cunetas cheas de bolboretas negras.
Choraron os ventos de pena
e os mares berraban ondas vermellas.
Almas xeadas, enfurecidas, feras,...
petaban polas noites en casas alleas,
(ameazan, requisan, torturan, apresan...).
Opresión e violencia entre as tebras.
Chove metralla.
Coiteladas de loito.
Actos salvaxes que escravizan e aldraxan.
Dor a moreas.
Compaixón erma.
Represión noxenta.
Estremécese a terra.
Tempestade de fame e miseria.
Guerra.

03/05/26

GRAZAS MAMÁ

 GRAZAS MAMÁ

Os soños dunha nai

que sempre nos acompaña

-que está preto  inda que marchou-,

os traballos afoutos, denodados

para alixeirar cargas,

os esforzos para acender o sol

nas escuridades sementadas de dor...:

-        Triturar as pedras

que pexasen o noso camiño

e obstruísen o futuro.

-        Arrastrar aludes de neve

para apagar o incendio

dos medos e das inseguridades.

-        Brandir espadas de verbas

para abrir camiños na selva

do abuso e a inxustiza.

-        Tecer os elos do agarimo

e da esperanza.

-        Estalar as cores

para rebrotar a ledicia

no medio da tristura e a soidade.

-        Transmitir serenidade

ante os ouveos que arrepían

na escuridade do día.

-        ...

Sempre houbo versos de alento,

cantigas de amor e sosego,

apertas cargadas de xulepe,

conversas de tradición e arraigo,

lembranzas da terra e das xentes,

olladas con perfume de rosa,

caricias de arroz con leite,

bicos con sabor a rosca...

Sempre estarás en nós,

na pel,  no sangue, no pensamento...

Agora máis ca nunca

es voaxa de estrelas

e chíscanos os ollos

cada vez que escintilan elas.

23/04/26

CUN LIBRO...

 

Para evadirse do mundo

e para mergullarse nel,

para viaxar sen moverse

e para aproveitar o lecer,

para descubrir un enigma

e para facelo crecer,

para pasar moito medo

e para nada temer...

Faite cun fascinante libro

e dedícate a ler.

21/04/26

AMAR A LECTURA?

 Polos emocionados labirintos

do noso cerebro,

da nosa memoria,

gardamos epítomes das pegadas

que expresións e palabras

deixaron en nós co tempo.

Cadaquén, seguramente,

ten un epítome diferente.

 

Son seleccións moi coidadas,

pola experiencia filtradas

(as nosas propias interpretacións

do que lemos

nesas follas polas que navegamos

nun lugar acolledor).

 

Os libros non son

meras follas de papel

dos que brotan palabras

ou que se acubillan nel.

Son anacos de mundos

atesourados en cada liña.

Unha fermosa orquestra

que engaiola coa melodía

de cada letra que soa,

de cada palabra escrita

xa en prosa ou en poesía.

 

Libros nos que nidifican,

moi ben acomodadas,

páxinas lixeiras ou absorbentes

que nos fan amar as palabras.

 

Os termos pairan nas follas

levando ideas e sensacións,

voces acordes e disidentes,

críticas e aventuras,

información, filosofía,

dores,  cariño e tenrura,

soños, desexos e ilusións,

tristezas, misterio e alegrías...

Como non amar a lectura?

12/04/26

NUNS SITIOS SOBRA, MENTRES NOUTROS FALTA

 Non hai lume, nin lareira,

nin se entra na cociña,

non hai nada que cocer.

Non se atopan nin no campo

(vougo, deserto, arrasado)

raíces para un bocado

nin follas para morder.

Ningunha persoa á mesa,

pois... compartir a fame,

a quen cres que lle interesa?

21/03/26

PRIMAVERA QUE DESPIDE O INVERNO

 Hoxe é o día

onde a primavera
se reúne co inverno
-que se conxelaba só-
para darse unha aperta
e danzaren co vento
apenas un intre,
un momento,
dúas estacións veciñas
que se dan o relevo
no óvalo do tempo.

08/03/26

8 DE MARZO

 

Un 8 de marzo máis

amosámonos xuntas.

Reclamamos e demandamos

que liberen os nosos dereitos,

que xa levan moito tempo

contravidos, esquecidos,

vencidos, acantoados...

Querémolos todos ceibos!

 

Denunciamos brechas,

obstáculos e cambadelas,

violencias, acosos e actitudes sociais

-máis propias do plistoceno-

que, dunha maneira ou doutra,

tentan facernos de menos.

 

Falamos por aquelas

que non poden falar,

porque que as amordazan

ou silenciaron...,

porque as obrigan a calar.

 

Querémonos todas vivas,

libres para decidir,

afoutas e sen  medos.

Demandamos xustiza

unidas como elos.

Esiximos todas xuntas

a igualdade real,

esa que nos pertence

por sermos e por estar.

 

23/02/26

23 DE FEBREIRO 2026: A ROSALÍA

 Facho que alumeaches

coa túa luz conspicua

achegando amenceres

ao tempo fusco da lingua.

Con lírica emoción

usaches o idioma das ondas,

do devalar das mareas,

do desfilar continuo do tempo,

do aroma das roseiras,

das efémeras folerpas,

do zafrear rítmico do vento,

do escintileo das estrelas, ...

Calíope de perentoria pluma

que, con verba certeira,

denunciaches estruturas

de desigualdade, opresivas,

de  abuso e inxustiza...

ou os actos que degradan,

ou que vilmente agachan

a nosa alma cultura.

 

Ninfa construtora de versos,

loitaches contra cairos e poutas

empuñando a espada das letras

para evitar que esgazasen

os piares da convivencia

e  para animar a rachar

os elos das nosas cadeas.

Unha loita comprometida,

unha loita, inda vixente,

que sinalaba outrora

o que hogano, por desgraza,

faise cada vez máis presente:

a hostilidade á diferenza,

tiranía e clasismo,

aporo  e xenofobia,

abuso de poder e clase...

Da literatura referente,

prendidas nos teus poema

achamos as sementes

do que somos e sentimos,

dos alicerces da lingua,

dos seus cimentos, da base.

 

02/01/26

UN ANO NOVIÑO

 Un ano noviño 

naceu en xaneiro,

dos doce meses

ese é o primeiro.

Xaneiro de frío,

dalgunhas nevadas,

de saír á rúa

e atopar xeadas.

31/12/25

UN NOVO MUNDO

 Buscamos un mundo novo,

un mundo onde a diferenza se considere unha riqueza

e non algo a combater,

onde a igualdade non se teña que esixir

senón que xa se desfrute

só por ser.

Un mundo onde non haxa pegadas

de violencias pasadas,

nin medo a que poidan emerxer,

onde o respecto e a convivencia,

sexan norma social,

sexan lei.

Buscamos un mundo novo,

un mundo onde a concordia e o entendemento

se represente con liñas continuas que suben,

non con liñas quebradas

ou que se esvaen

a correr.

Un mundo solidario, un mundo noso...

un mundo acolledor

onde caibamos todas e todos. 

18/12/25

MALOS TEMPOS

 MALOS TEMPOS

Tempo pródigo
en inxustizas e ignominias
que non dan tregua,
que enlarafuzan os soños meigos de liberdade.
Tempo hostil
que asexa detrás dos anoxos
e tenta coarse por entre as incertezas,
inseguridades e irreflexións.
Tempo escuro
no que se proxectan espellismos
creados a base de loiadas
nubran cerebros
e apréixaos nas mans de baleiras palabras
e mesmo peor...
nas verbas disfrazadas
que camuflan deshumanización
e que son bandeira do antivalor.
Tempo adverso
cheo de alburgadas que agroman
como sementes en campo abonado,
malas herbas que medran
pola obnubilación,
negacionismo, neglixencia e senrazón.
Tempo convulsos
no que as xentes,
buscando unha embaixada do paraíso,
caen nas fauces traizoeiras
da serpe da maceira.
Azucena Arias Correa

16/12/25

VAISE DECEMBRO

 Emprendeu un camiño sen retorno,

non podería regresar,

volveuse cun sorriso nos beizos

e  só fixo un aceno coa man.

-           - Este é un camiño de ida,

    sen saída.

    Vou facelo sen présa

    camiñando paseniño.

Dixo e despediuse

tranquilamente,

sen abandonar o sendeiro,

sen deixarse amedrentar.

Seguiu o seu camiño

e nunca volverá atrás.

25/11/25

EU SI TE CREO

Cos ollos fundidos,

a cor amarela,

os brazos rendidos,

dobradas as pernas... 

Entra pola porta,

moi, moi afectada,

chama a atención:

está tan delgada!

Míraos muda,

en silencio berra, 

o seu ricto acusa,

como non van crela?

Fora el,

el o fixera...

E a vítima

si que fora ela!

27/10/25

O OUTONO

 

Chegou a estación

na que os bosques choran

follas caducas douradas 

e na que as pingas de vidro

polo vento son roubadas.

Chegou a estación

onde se escoitan os paxaros

planificando o seu voo

para fuxir da friúra

que, cando veña o inverno,

traerá a nevada.

21/10/25

O PASO DO TEMPO

 

Cronos devora o tempo

e regula cada reloxo persoal de vida

- cuxo número de tic tacs

a incorpórea Ananque dita-.

Non temos poder sobre el

inda que nos empeñemos en medilo e calculalo

non o podemos deter.


15/10/25

BASTA!

 Xa basta!

Xa abonda!

O que pasa no mundo

debe darnos vergoña:

o silencio da xente

ante a monstrosidade

e que ditadores actúen

con impunidade.

Xa basta!

Xa abonda!

03/09/25

SOLASTALXIA

SOLASTALXIA.
Sinto angustia pola destrución do contorno.
Un auténtico ecocidio.
Pódeme a desolación e a carraxe.
Inda gardo nos ollos
aquela verde paisaxe,
a abundancia de vida que nos arrodeaba...
Como conformarse agora con este espazo morto?
Logro imaxinarte inda
e deseñar follas sobre os tizóns que ficaron,
poñer toxos e carqueixas sobre as negras cinzas
e escoitar aos bufos na noitada.
Como atopar ante isto algo de conforto?
Unha aldraxe,
un maltrato a todas e todos nós.
Incuria, neglixencia
e imperdoable desleixamento.
Todo deixado en mans da chuvia
(que veña pronto!)
esperando a unha xeración espontánea,
que faga a terra por si o seu acondicionamento
e borre da superficie
as pegadas da cordilleira de fogo.
SOLASTALXIA.
Angustia ante a negra paisaxe erma
que tardará en corcoserse
para retornar ao que era.
Azu Arias Correa