IMPOTENCIA
De novo a inhumanidade e a zuna
arrásannos os ollos
ante tanta inocencia maltraída.
Tornáronse en cascallos
cada lar,
cada vivenda.
A impotencia pendúrasenos dos xestos
con cada nova noticia
con cada fin dunha vida.
Choraremos ante a hecatombe
con bágoas de lume e fel.
Asinaremos manifestos
preguntando ao redor
que máis podemos facer...
(á parte de usar cada verba
para amosar enerxicamente
a nosa desaprobación).
Seremos tamén vítimas
solidarias
indefensas.
Coa violencia rabiosa da ideoloxía hostil
resgan vidas inarmes.
No canto de tirafondas de palabras
aparecen metralladoras e canóns,
non hai bombas acaladas
só sanguento e encarnizado horror.
Volverán as pombas brancas
con varelos de oliveiras?
Pregamos ..., non, esiximos!,
acabar coa senrazón,
que as bombas se tornen voces
atentas,
respectuosas,
sen coerción
ou... un máxico esconxuro
que volva brancas as bandeiras.
Miraremos ao futuro
sen o duro fardo da guerra?