05/09/21

GALIZA

GALIZA 
Un recunchiño verdoso,
 un cadradiño de terra, 
 noroeste da pel de touro 
deitadiño á raxeira. 
 É un espazo cuberto 
de arredondas cuíñas, 
ladeiras con carrascos
 e tinguidas de chorimas. 
 É terra onde o océano, 
que degoxa o doce,
 remóntase polos ríos 
e fai rías de renome. 
 O mar métese cara a dentro 
dende a desembocadura, 
semella morder na costa 
 e facerlle rachaduras. 
 As nubes tapan o sol 
por se non quere esvaecerse
 e quece de máis o solo
 arrebatándolle o verde. 
O terruño do que falo 
non súa polo verán, 
mais non queda sen os cantos
 dos grilos polo serán. 
 A choiva está toliña 
pola cor deste recullo, 
pasa nel longas tempadas, 
dende agosto ata xullo. 
 Cos ríos como emisarios
 mándalle bicos ao mar, 
con forma de croios 
e areas que este vai coleccionar. 
 É amadora das augas, 
tena por todos lados: 
en ríos, lagoas e fontes 
e cantadora nos regatos. 
 É un lugar de landras 
que abanean nos carballos. 
Revóano as andoriñas 
cando regresan por marzo. 
 Ten os límites mollados 
polo norte, sur e oeste 
mais aos máis altos montes 
fíxoos pregarse no leste.