Amosando publicacións coa etiqueta VARIOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VARIOS. Amosar todas as publicacións

03/05/26

GRAZAS MAMÁ

 GRAZAS MAMÁ

Os soños dunha nai

que sempre nos acompaña

-que está preto  inda que marchou-,

os traballos afoutos, denodados

para alixeirar cargas,

os esforzos para acender o sol

nas escuridades sementadas de dor...:

-        Triturar as pedras

que pexasen o noso camiño

e obstruísen o futuro.

-        Arrastrar aludes de neve

para apagar o incendio

dos medos e das inseguridades.

-        Brandir espadas de verbas

para abrir camiños na selva

do abuso e a inxustiza.

-        Tecer os elos do agarimo

e da esperanza.

-        Estalar as cores

para rebrotar a ledicia

no medio da tristura e a soidade.

-        Transmitir serenidade

ante os ouveos que arrepían

na escuridade do día.

-        ...

Sempre houbo versos de alento,

cantigas de amor e sosego,

apertas cargadas de xulepe,

conversas de tradición e arraigo,

lembranzas da terra e das xentes,

olladas con perfume de rosa,

caricias de arroz con leite,

bicos con sabor a rosca...

Sempre estarás en nós,

na pel,  no sangue, no pensamento...

Agora máis ca nunca

es voaxa de estrelas

e chíscanos os ollos

cada vez que escintilan elas.

21/04/26

AMAR A LECTURA?

 Polos emocionados labirintos

do noso cerebro,

da nosa memoria,

gardamos epítomes das pegadas

que expresións e palabras

deixaron en nós co tempo.

Cadaquén, seguramente,

ten un epítome diferente.

 

Son seleccións moi coidadas,

pola experiencia filtradas

(as nosas propias interpretacións

do que lemos

nesas follas polas que navegamos

nun lugar acolledor).

 

Os libros non son

meras follas de papel

dos que brotan palabras

ou que se acubillan nel.

Son anacos de mundos

atesourados en cada liña.

Unha fermosa orquestra

que engaiola coa melodía

de cada letra que soa,

de cada palabra escrita

xa en prosa ou en poesía.

 

Libros nos que nidifican,

moi ben acomodadas,

páxinas lixeiras ou absorbentes

que nos fan amar as palabras.

 

Os termos pairan nas follas

levando ideas e sensacións,

voces acordes e disidentes,

críticas e aventuras,

información, filosofía,

dores,  cariño e tenrura,

soños, desexos e ilusións,

tristezas, misterio e alegrías...

Como non amar a lectura?

08/03/26

8 DE MARZO

 

Un 8 de marzo máis

amosámonos xuntas.

Reclamamos e demandamos

que liberen os nosos dereitos,

que xa levan moito tempo

contravidos, esquecidos,

vencidos, acantoados...

Querémolos todos ceibos!

 

Denunciamos brechas,

obstáculos e cambadelas,

violencias, acosos e actitudes sociais

-máis propias do plistoceno-

que, dunha maneira ou doutra,

tentan facernos de menos.

 

Falamos por aquelas

que non poden falar,

porque que as amordazan

ou silenciaron...,

porque as obrigan a calar.

 

Querémonos todas vivas,

libres para decidir,

afoutas e sen  medos.

Demandamos xustiza

unidas como elos.

Esiximos todas xuntas

a igualdade real,

esa que nos pertence

por sermos e por estar.

 

23/02/26

23 DE FEBREIRO 2026: A ROSALÍA

 Facho que alumeaches

coa túa luz conspicua

achegando amenceres

ao tempo fusco da lingua.

Con lírica emoción

usaches o idioma das ondas,

do devalar das mareas,

do desfilar continuo do tempo,

do aroma das roseiras,

das efémeras folerpas,

do zafrear rítmico do vento,

do escintileo das estrelas, ...

Calíope de perentoria pluma

que, con verba certeira,

denunciaches estruturas

de desigualdade, opresivas,

de  abuso e inxustiza...

ou os actos que degradan,

ou que vilmente agachan

a nosa alma cultura.

 

Ninfa construtora de versos,

loitaches contra cairos e poutas

empuñando a espada das letras

para evitar que esgazasen

os piares da convivencia

e  para animar a rachar

os elos das nosas cadeas.

Unha loita comprometida,

unha loita, inda vixente,

que sinalaba outrora

o que hogano, por desgraza,

faise cada vez máis presente:

a hostilidade á diferenza,

tiranía e clasismo,

aporo  e xenofobia,

abuso de poder e clase...

Da literatura referente,

prendidas nos teus poema

achamos as sementes

do que somos e sentimos,

dos alicerces da lingua,

dos seus cimentos, da base.

 

02/01/26

UN ANO NOVIÑO

 Un ano noviño 

naceu en xaneiro,

dos doce meses

ese é o primeiro.

Xaneiro de frío,

dalgunhas nevadas,

de saír á rúa

e atopar xeadas.

31/12/25

UN NOVO MUNDO

 Buscamos un mundo novo,

un mundo onde a diferenza se considere unha riqueza

e non algo a combater,

onde a igualdade non se teña que esixir

senón que xa se desfrute

só por ser.

Un mundo onde non haxa pegadas

de violencias pasadas,

nin medo a que poidan emerxer,

onde o respecto e a convivencia,

sexan norma social,

sexan lei.

Buscamos un mundo novo,

un mundo onde a concordia e o entendemento

se represente con liñas continuas que suben,

non con liñas quebradas

ou que se esvaen

a correr.

Un mundo solidario, un mundo noso...

un mundo acolledor

onde caibamos todas e todos. 

18/12/25

MALOS TEMPOS

 MALOS TEMPOS

Tempo pródigo
en inxustizas e ignominias
que non dan tregua,
que enlarafuzan os soños meigos de liberdade.
Tempo hostil
que asexa detrás dos anoxos
e tenta coarse por entre as incertezas,
inseguridades e irreflexións.
Tempo escuro
no que se proxectan espellismos
creados a base de loiadas
nubran cerebros
e apréixaos nas mans de baleiras palabras
e mesmo peor...
nas verbas disfrazadas
que camuflan deshumanización
e que son bandeira do antivalor.
Tempo adverso
cheo de alburgadas que agroman
como sementes en campo abonado,
malas herbas que medran
pola obnubilación,
negacionismo, neglixencia e senrazón.
Tempo convulsos
no que as xentes,
buscando unha embaixada do paraíso,
caen nas fauces traizoeiras
da serpe da maceira.
Azucena Arias Correa

15/11/25

ANTES DO INVERNO

 Entre as árbores espidas

ten o seu fogar un esquío.

Atesoura dilixente:

noces, landras, castañas

e unha chea de sementes.

Cando escoite zoar o vento

e repenicar a choiva,

meterase no seu tronco

sen pagar alugamento.

21/10/25

O PASO DO TEMPO

 

Cronos devora o tempo

e regula cada reloxo persoal de vida

- cuxo número de tic tacs

a incorpórea Ananque dita-.

Non temos poder sobre el

inda que nos empeñemos en medilo e calculalo

non o podemos deter.


03/09/25

SOLASTALXIA

SOLASTALXIA.
Sinto angustia pola destrución do contorno.
Un auténtico ecocidio.
Pódeme a desolación e a carraxe.
Inda gardo nos ollos
aquela verde paisaxe,
a abundancia de vida que nos arrodeaba...
Como conformarse agora con este espazo morto?
Logro imaxinarte inda
e deseñar follas sobre os tizóns que ficaron,
poñer toxos e carqueixas sobre as negras cinzas
e escoitar aos bufos na noitada.
Como atopar ante isto algo de conforto?
Unha aldraxe,
un maltrato a todas e todos nós.
Incuria, neglixencia
e imperdoable desleixamento.
Todo deixado en mans da chuvia
(que veña pronto!)
esperando a unha xeración espontánea,
que faga a terra por si o seu acondicionamento
e borre da superficie
as pegadas da cordilleira de fogo.
SOLASTALXIA.
Angustia ante a negra paisaxe erma
que tardará en corcoserse
para retornar ao que era.
Azu Arias Correa

29/08/25

A SEGURIDADE NO AEROPORTO

 A quen lle guste

moito viaxar

pasar polo aeroporto

vaille custar:

cacheos infames,

portas con raios,

se tes que baleirar o bolso...

dáche un desmaio!

Pítanche as chaves

sénteste delincuente,

pásanche o escáner

se es diferente.

Coa escusa da seguridade

perdemos o tempo

de xeito alarmante.


25/04/25

MANIFESTARNOS

 Hai moitos motivos 

para a rebelión:

a pobreza,

a desigualdade,

a fame,

a contaminación,

a falla de vivenda,

a criminalidade,

as guerras,

a discriminación,

os abusos,

a precariedade,

os prexuízos,

a represión...

Basta de silencio!

non imos calar!,

sairemos á rúa

para protestar!




01/03/25

CONCILIACIÓN FAMILIAR

 Iso mal chamado

concialiación familiar

non concilia nada

é truco empresarial:

máis tempo na escola

temos a nenas e nenos

e só conseguimos 

que nos vexan menos.

Non comemos na casa

temos horarios densos

non gozamos nada,

non nos queda tempo.

A verdadeira conciliación

só pode se pode acadar

cunha redución sensata

da xornada laboral.

02/01/25

ADIVIÑAS CAL SERÁ?

 A un pasiño de xaneiro,

en decembro, mes derradeiro,

soan as campás de medianoite.

E contando ata doce,

ao compás do reloxo,

cómese unha froita 

pedindo desexos para o ano novo.


Cal será esa froita?

01/10/24

ADIVIÑA... ADIVIÑAS?

 Capas douradas

con púas cravadas

gardan un tesouro

que en forma de zonchos

ou asado ao forno

gústame moito

cando chega o outono.

24/09/24

PARÉMOLO XA!

 

PARÉMOLO XA!

Xente con tanto medo

que xa non pode sentir máis medo.

Rostros que para sempre levarán entalladas

esculpidas as expresións de pánico.

Ollos que eternamente reflectirán horror,

que endexamais poderán borrar da retina as imaxes de espanto.

Anguria ante a absurdeza.

Agonía fronte ao mergullo -cíclico e constante- nunha guerra senfín.

Impotencia por non poder parar tanta penuria, miseria, inxustiza...

 

Riolas de persoas desesperadas

que emigran sen saber moi ben cara onde ir.

Tras de si, coma tizóns,

quedan os anacos dos seus fogares, das súas vidas, dos seus progresos... que inda fumean.

Diante a incerteza, o descoñecemento, o desterro.

Están no medio, coma atrapadas nun trallo do que non poden saír.

 

Persoas que non soñan,

que non dormen, que apenas pechan os ollos coa esperanza de espertar mañá

(un futuro limitado, curto...

Non se atreven a ir máis alá).

Sonecas curtas arroladas cos sons da inseguranza, da zuna, do egoísmo...

Pesadelos do que non é posible espertar porque non se está durmindo.

 

Devastación.

 

 

23/08/24

MEMORIAS DA GALIÑA LORADÍA

 Unha galiña espelida, valente e loitadora que dá a coñecer a súa vida e comenta como emprende unha viaxe longa dende un lugar da Terra de Montes ata o mar...


Esta é a biografía
de Loradía, a galiña,
escribiuna nun só día
e así di liña tras liña:

 

LIMIAR

 

Co,co, co, co-có,
co, co, co, co, co, co,
co, corocó, co, co,
ca, ca, coco, cooo.
...
 
Isto en galego corrente
vén queréndonos dicir
o que inmediatamente
pasaremos traducir:
 

I. O meu nacemento

 

Non vivía eu no estranxeiro,
nin tampouco nas estrelas,
vivía no galiñeiro
de Leliña de Presqueiras.
 
Nacín dun ovo moreno
nun niño moi ben coidado.
Meu pai era un galo negro...
¡durou pouco o malpocado!
 
(Cando era pequerrechiña,
nun conxelado Nadal,
a familia de Leliña
puxo “galo” de cear).
 
Por parte da miña nai
era filla vinculeira,
pero pola do meu pai,
a milésimo terceira!
 
De familia numerosa
tivemos ata carné,
a foto era tan grandiosa
que saía fóra del.
 
Estaba dentro dun ovo,
un ovo máis ben escaso
alí tiña case todo,
todiño menos espazo.
 
Incuboume a miña nai
durante vinte e un días.
No ovo eu crecía de máis
grazas ó alimento que había.
 
Estaba tan encartada,
tan anicada alí dentro,
que desexei con toda a alma
estalicarme ao momento.
 
Non tiven eu máis remedio
que rachar o cascarón
co pico, con moito xenio,
deille e deille con tesón.
 
Quebrar a casca custou,
(inda que a casca dos ovos
para que respire o embrión
leva...uns sete mil poros!).
 
Como dicía...”nacín”
nun curral moi aquelado,
coidaron sempre de min
mentres non daba medrado.

 

Fun un bicho amareliño,
regordecho e piador,
durmía sempre quentiño,
miña nai deume calor.
 
II. Descubrín que era de avoengo
 
Pasei pronto a ser poliña
cunha plumaxe brillante,
cabeza ben pequeniña,
bico e pescozo elegantes.
 
Era eu ave de caste,
raza: “galiña de Mos”,
de moi rancia liñaxe
como o eran meus avós.
 
En charcos, coma en espellos,
víame ben as barbelas,
ollos laranxas e de esguello
as ás pequenas e belas.
 
Estaba claro! Eu non era,
de raza rubia galega...
Co meu rabiño de envexa,
tampouco era xaponesa!
 
Cando quería enfastiar
paseaba fachendosa
e así poder amosar
a miña crista fermosa.
 
III. A miña alimentación
 
Leliña, no bebedoiro,
botábame auga limpa
e sempre no manxadoiro,
había grans e fariña.
 
Mais eu, por ter patas rexas,
elixía escaravellar,
darlle coas patas á terra
e o alimento atopar.
 
Todo me sentaba ben,
area, trigo, cebada,
arroz, maínzo e tamén
verduras e bicharada.
 
O peteiro petiscaba,
(ben se sabe) eu sen dentes...
a comida enviaba
ao boche inmediatamente.
 
Dalí pasaba á moega
onde todo se moía
coa axuda dunhas pedras
que eu despistada engulía.
 
O remate da viaxe
(das sobras do alimento)
era saír, cedo ou tarde,
pola cloaca fedento.
 
 
IV. Unha peste no galiñeiro
 
Tan só era unha pola
cando no noso poleiro
uns piollos volveron tolas
ás aves o mes enteiro.
 
Atacaban ás galiñas
e picábanlles a pel,
non quedaban durmidiñas
nin comían nada ben.
 
A modiño ían perdendo
peso e plumas a moreas,
pouco a pouco esmorecendo
case sen sangue nas veas.
 
O problema rematou
grazas a alguén con bata,
pois a peste exterminou
cunha fórmula sensata.
 
V. Era unha galiña nova
 
Con cinco meses de idade
chamaba a atención
dos galos da veciñanza,
dos polos e do capón.
 
Non me gustaba ningún,
ben por gordos, ben por vellos...
cando se achegaban a min
fuxía eu coma un coello.
 
Así seguiría todo
ata que un día de abril
un fermoso galo novo
cantou un quiquiriquí.
 
Entrou polo galiñeiro
deixando ver o esporón,
semellaba un cabaleiro
e rouboume o corazón.
 
Duraría pouco tempo
aquela fascinación,
fundiría o sentimento
unha lea sen ton nin son.
 
VI. O misterio dos ovos desaparecidos
 
Foi creo, por eses días,
que pasou algo sospeitoso:
uns ovos se esvaecían
dun xeito moi misterioso.
 
Cando as galiñas comían,
e deixaban sós os niños,
tornaban, e entolecían,
pois faltaban os oviños.
 
Primeiro investigamos,
vixiamos horas e horas
pero os ovos perdiamos
cando quedaban a soas.
 
Semellaba un meigallo
e por se aquilo era tal
puxemos uns cantos allos
pero saíunos fatal.
 
Decidín meterme a espía,
deseguida descubrín,
que algunha pegada había
dunha especie rara, si.
 
Levei comigo o sinal,
ensineillo a unha amiguiña,
seica era dun animal
ó que chamaban doniña.
 
Entraba no galiñeiro
empregando uns buratos
que fixeran en xaneiro
uns pequerrechiños ratos.
 
“Patas á obra” nos puxemos
ocos e gretas a tapar
e o que cubrir non puidemos
fixémolo cementar.
 
Do mamífero aquel
nunca soubemos máis nada...
tería pelos na pel
ou a orella revirada?.
 
VII. Tiven unhas cantas roladas
 
Sete meses eu xa tiña
na miña primeira posta,
era unha posta cativa...
¡máis parecía unha mostra!
 
Do meu oviduto saíron
(desque os fecundara o galo)
tres diminutos oviños
iso si...moi ben formados!
 
Contra da miña vontade,
dei os ovos en “adopción”
para o forno de Leliña
que os preparou nun roscón.
 
Tirei unha boa tempada
sen outra preocupación
que a de estar ben dedicada
a iso da reprodución.
 
Pasaba o día aburrida
chocando... ata o amencer
só tiña unha saída
para comer e beber.
 
Alí sentada no niño
non paraba de pensar,
gastaba os meus mioliños
nun enigma singular...
 
Púxenme a reflexionar
e cismar no paradoxo:
primeiro foron crear
a galiña ou o ovo?
 
Quen primeiro chegaría
ao mundo dos animais?
Sería unha galiña
ou un oviño quizais?
 
Nisto matinando estaba
cando escoitei como dicían
que como era de raza
serviría para cría.
 
Tiven un esvaemento,
vaia vida me agardaba!
e decidín ao momento
que do curral eu liscaba.
 
Fuxín inmediatamente,
sen maleta e espida
para ser independente
o resto da miña vida.
 
VIII. A fuxida
 
Foi tanta a miña présa
que non fixen equipaxe
e atopeime na Devesa
con fame e con friaxe.
 
Que preto aínda estaba!
Moito debía apurar...
Se no curral non me ollaban
sairíanme buscar.
 
E como a xente imaxina
podíanme hipnotizar.
Só dicindo:pita, pita!
regresaría sen chiar.
 
É imposible que eu voe
con ás non desenvolvidas,
por iso tan longo “trote”
deixoume as patas feridas.
 
Parei para repousar
por riba do monte Seixo,
despois das patas sandar,
comer era o meu desexo.
 
Por máis que ao redor miraba
non vía ren comestible,
nin vagalumes, nin larvas,
nin unha folla accesible.
 
De pronto, por un carreiro,
viña alguén con moita calma;
non era ra, nin carneiro
pois tiña só dúas patas...
 
Presentouse como “pita”,
como unha pita de monte,
convidoume a unha froita
que recollera ela onte:
 
-      Chámase acivro- sostivo.
E a subsistir me ensinou.
Se son un animal vivo
é porque ela me guiou.
 
Alá no monte, de noite,
había moitos barullos
moi distintos aos de cote,
ían dos “cri-cri” ós “ uuu-o”.
 
Os primeiros días co medo
sufría ata de insomnio,
con tres pálpebras que teño
¡que raro non pechar ollo!.
 
Acostumeime moi pronto
a tanto bicho salvaxe,
ao noitébrego balbordo,
ao manxar e á beberaxe.
 
IX. A raposa
 
Un día de primavera
nun regato descansou
unha raposa calquera
que moi pronto me ventou.
 
Uliscou os arredores,
analizaba as pegadas,
buscábame entre as flores
mais non atopaba nada.
 
Eu ollábaa agochada
encollida nun abeiro,
estaba tan aterrada
que tapaba ata o peteiro.
 
Estimei que debería
proxectar un simple plan,
a raposa marcharía
eu sería un bicho san.
 
Así que pedín axuda
á pita e máis á toupeira
fixemos unha furada,
tapeina con matogueira.
 
A continuación quedaba
o labor máis delicado
enganar á condenada
e conducila ao burato.
 
Púxenme enriba dun toxo
berreille ca-co-cocá
tan pronto me puxo un ollo
lanzóuseme a máis non dar.
 
Non viu nin a matogueira
por ser tan precipitada
e rematou toda enteira
na furada estomballada.
 
Libreime de ser comida
cun estraño cacarexo.
 E as amigas reunidas
celebramos un festexo.
 
X. O mar
 
A algo máis de mil metros,
dende Outeiro do Coto,
o mar semellaba preto
e tentábacheme moito.
 
Percorría todo o monte,
rochas, fontes e penedas
e durmía pola noite
despois de ollar as estrelas.
 
Ningún recuncho existía
que non coñecese eu,
en seis días parecía
que aquel monte fose meu.
 
Mais tiña alma aventureira
e decidín de socato
que baixaría ata esa ría
que se vía dende o alto.
 
Non lembro cantas semanas
pasei naquela viaxe,
só sei que auga salgada
molloume un luns a plumaxe.
 
Mentres me secaba ao sol
acercouse unha gaivota
e moi saída de ton
botoume da súa rocha.
 
Foron da mesma maneira
o resto dos meus encontros:
case me trinca unha ameixa
e me belisca un centolo.
 
Con ese recibimento
decidín que era mellor
levar o meu esqueleto
cara ás terras do interior.
 
E como me era o mesmo,
pouco che me preocupou
ir por un ou outro sendeiro,
metinme por onde cadrou.

XI. De volta
 
Subindo por un atallo
atopeime cun pastor,
coidei que polo traballo
viña cheo de suor.
 
Mais estaba ben errada,
pois o que lle acontecía
e que perdera unha cabra
cando á corte volvía.
 
Se non a achaba axiña
podía serlle fatal
por iso o pobre corría...
comeríanlle ao animal?
 
(Dende o día da feira
escoitábase ouvear
un lobo pola xesteira
con ganas de comichar).
 
Eu, a verdade sexa dita,
moito non ía axudar
sabía que aos lobos, as pitas,
“ non lles caían” moi mal.
 
Ora tras dunha carqueixa,
ora tras dun bugalliño...
mirando con insistencia
eu avanzaba paseniño.
 
Movendo con graza o cu,
andando de vagariño,
tropecei cuns negros ollos...
¡caín redonda ao camiño!
 
Por sorte aqueles ollos
non vos era outra cousa
que a cabuxa pequeniña
perdida tras dunha lousa.
 
O pastor agradecido
por terlle atopado a cabra
levoume comer nabiza
á horta onda a súa casa.
 
 Non sei como, mais pasou
metinme nun bo fregado
nunha batalla campal
pola posesión dun prado.
 
Tiven que tomar partido,
e loitei con tal bravura
que me fixeron un busto
cos pos dunha varredura.
 
Con tanto percorrer mundo
o tempo pronto pasou
semellaba un só segundo
mais foron varios millóns.
 
Calculaba mentalmente
a carón de un mosteiro
souben repentinamente
que era o de Acibeiro.
 
Chegara á miña bisbarra!
E quixen volver axiña
ó lugar de onde emigrara...
Entroume tanta morriña!.
 
XII. A madurez
 
Andei polo Cachafeiro,
Ventoxo e mailo Sisto
e aparecín en Outeiro
hai varias quincenas disto.
 
Mirábanme con receo
as aves do galiñeiro,
pois non me recoñeceron
nin ao meu porte senlleiro.
 
Nisto apareceu Leliña
e díxome con abraio:
- Es ti, Loradía miña?
Onde te meteras, raio?
 
As galiñas máis antigas
comentaban no poleiro:
-      Nós criamos, miña amiga
que acabaras nun pucheiro.
 
Falei das miñas andanzas
durante días e días
só escoitaba loanzas
a todo o que lles dicía.
 
Conteilles o da doniña
e tamén o da raposa,
o da cabra pequeniña
que se perdeu onda a lousa...
 
Polas tardes onda os niños
ninguén marchaba durmir
se eu non narraba baixiño
as historias que vivín.
 
Reunidas en consello
as galiñas do curral
unha mañá por consenso
decidíronme agasallar:
 
Nomeáronme condesa,
condesa da “churra pita”
e así cheguei á nobreza
case ó fin da miña vida.
 
“Vida tan interesante
debería ser escrita”
-penseino e dixen: ¡adiante!-
Fun correndo buscar tinta.
 
Bolígrafo non cumpría
porque tiña boa pluma,
que tal se a escribía
no muro que dá á rúa?