HAI BICHOS
HAI MONSTROS,
SOAN COMO MICHOS
MAIS NON O SON.
BERRO E SÚO,
QUÉDOME MÚO,
ESCOITO BARULLOS
QUE ALÍ NON ESTÁN.
E NA ESCURIDADE
TREMO MOITO MÁIS.
Un día María camiño da escola fixo unha pregunta, así como soa: - Avoa... por que as nubes teñen formas variadas? Por que cando chove... parecen queimadas? - Xa soa o timbre... dígocho á tardiña? Entra logo á clase. Entra, bule, axiña!
A nena, na clase deixa a mochila... mais segue coa pregunta cavila e cavila.
A pregunta inqueda, dá curiosidade, é coma un aguillón que pica de verdade.
- Rauliño... ti sabes?... - Que hei saber? - Por que algunhas nubes... poden escurecer?
Rauliño queda un cacho pensando... Esa preguntiña estao amolando.
María colócase na asemblea sentada, e pronto a ven coa man levantada: - Teño unha pregunta - Moi interesante? - As nubes do ceo... non son algo intrigante? As formas, as cores non deixan de mudar e mesmo son móbiles e cambian de lugar...
- Porque son lixeiras - Teñen movemento - Porque están cargadas - Porque sopra o vento - ... Así durante un intre toda a clase fala.. mais os argumentos non lles gustan nada. As respostas dadas non enchen a ninguén: hai que investigalo para sabelo ben!
Escriben con tino o que queren saber: cun pequeno guión nada van esquecer.
Prepáranse felices para investigar, organizan con tino onde, como,..., cal.
Buscan nos libros e con navegadores,... preguntan no blogue e a persoas maiores,... Recollen nun folio todo o que lles din Moitas, moitas verbas e fotos sen fin.
Teñen sobre o tema tanta información que queren colocala nunha exposición...
Saben moito das nubes e calidades delas... - Damos unha conferencia aos nenos e ás nenas? - ... Anuncian o evento con cartelería colocan lugar, hora, ...,tema, conferenciantes e día.
Que gran aventura a de coñecer! Unha pequena dúbida lévanos aprender. AS PREGUNTAS INQUEDAN... DUNHAS SAEN OUTRAS