07/10/21

TRABALINGUAS: TANTARANTOBRE

BREOGÁN ERA UN NOBRE

TRICOBRE, TANTARANTOBRE

QUE BAILANDO UN PASODOBRE

TRICOBRE, TANTARANTOBRE

TROPEZOU O POBRE

TRICOBRE, TANTARANTOBRE

CUN ADORNO DE COBRE 

TRICOBRE, TANTARANTOBRE.

05/09/21

GALIZA

GALIZA 
Un recunchiño verdoso,
 un cadradiño de terra, 
 noroeste da pel de touro 
deitadiño á raxeira. 
 É un espazo cuberto 
de arredondas cuíñas, 
ladeiras con carrascos
 e tinguidas de chorimas. 
 É terra onde o océano, 
que degoxa o doce,
 remóntase polos ríos 
e fai rías de renome. 
 O mar métese cara a dentro 
dende a desembocadura, 
semella morder na costa 
 e facerlle rachaduras. 
 As nubes tapan o sol 
por se non quere esvaecerse
 e quece de máis o solo
 arrebatándolle o verde. 
O terruño do que falo 
non súa polo verán, 
mais non queda sen os cantos
 dos grilos polo serán. 
 A choiva está toliña 
pola cor deste recullo, 
pasa nel longas tempadas, 
dende agosto ata xullo. 
 Cos ríos como emisarios
 mándalle bicos ao mar, 
con forma de croios 
e areas que este vai coleccionar. 
 É amadora das augas, 
tena por todos lados: 
en ríos, lagoas e fontes 
e cantadora nos regatos. 
 É un lugar de landras 
que abanean nos carballos. 
Revóano as andoriñas 
cando regresan por marzo. 
 Ten os límites mollados 
polo norte, sur e oeste 
mais aos máis altos montes 
fíxoos pregarse no leste.

31/05/21

PASEANDO POR VIGO

 

Andando devagar

Hai un peixe home

que vive en Sol,

unha porta do Atlántico

en lugar de farol,

un nadador

que non flota no mar,

un barco pesqueiro

non pode navegar.

Redeiros musculosos

traballan con forza,

unha ninfa con frautas

da poesía goza,

Rosalía de Castro

le dentro dunha fonte

e hai cabalos negros

que non veñen do monte.

...

Todo isto e máis

poderás atopar.

Paseando Vigo...

andando devagar,

espertando as rúas ao camiñar.

 

Vigo,

no seu solo, plantaron os pobos a cultura;

o maxín e as verbas perdéronse polas paredes

e as pegadas das xentes fixeron as rúas.

 

17/05/21

O CALENDARIO

 Cuns poucos números

e sete días,

os calendarios indican

que data sería.

Dinos cando será 

día de descanso

e se San Xoán 

cae ou non en sábado.

Podemos adiviñar

que estación virá,

en que estación estamos

e cando acabará.

06/01/21

O PRINCIPIO DE LECTURQUIDES

 Toda persoa somerxida na lectura sofre un impulso de aventura, creatividade, imaxinación, aprendizaxe e liberdade mil veces superior á cantidade de parágrafos lidos.