Amosando publicacións coa etiqueta RELATOS CURTOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta RELATOS CURTOS. Amosar todas as publicacións

16/06/24

FIN DE SEMANA NA ALDEA?

 FIN DE SEMANA NA ALDEA?

Son unha desas persoas que fan turismo rural nas fins de semana, mais non un turismo rural convencional: gústame visitar aldeas abandonadas. Probablemente esta afección me veña da infancia, quizais.

Non sei que busco nelas, mais atráenme. Teñen un encanto especial e permítenme construír historias ao escrudriñalas, historias con base ao que escoitaba na nenez ou ao que lin ao longo dos anos. Hainas tan fermosas que ata me gustaría adoptalas.

Algunhas desas aldeas mesmo levan anos illadas e agochadas, perdidas nas forestas, entre bosques mestos, montañas ou rutas en plena natureza salvaxe e, inda que resulte incrible, hainas próximas a vilas e cidades como a da Fraga de San Cibrán.

Sempre aparecen indicios que permiten redescubrilas, indicios que conducen cara a un lugar que noutrora tivo vida humana.

O éxodo cara a vilas ou cidades buscando unha vida mellor, a inexistencia de relevo xeneracional, a falta de infraestruturas adecuadas,... fixeron que varias aldeas  quedasen desertas. Morreron dun ataque de abandono. O martelo do tempo fixo o resto: entupiunas de xestas e maleza, converteunas en casas vougas que cheiran a todo o tempo que levan deshabitadas e que permiten que o vento xogue cos sons de portas e fiestras que renxen. Aldeas tan baleiras que, en días calmos, se escoita ata o susurro da neve na súa caída.

Mais non sempre foron así.

Era eu un becho raro, moi raro en realidade: era a única que non tiña aldea.

Todas as miñas compañeiras tiñan. As súas aldeas estaban situadas en lugares diversos: Barbanza, Fonsagrada, Sarria, Limia, Valdeorras, Trives, Paradanta, Morrazo, Salnés, Terra de Montes,... Lugares con nomes suxestivos e capaces de aguilloar o maxín revoltoso de calquera persoa cativa, topónimos con reminiscencias doutras verbas que che podían mesmo levar a sitios fantásticos e a paisaxes deseñadas nos libros de aventuras e misterios.

-        Terra de Montes... – Deixábame levar e inventaba os espazos, os personaxes, as andanzas que por aí podían facer e os misterios a resolver-.

De pequena devecía por ter unha aldea. Como non tiña, viaxaba mentalmente a un sitio que se me antollaba un escenario fantástico e colorido con recunchos incribles, camiños empedrados e sinuosos, lagoas prateadas, illas, dunas...

Cando medrei un chisco imaxinaba iso de ter aldea como viaxar a unha feira grande ou a un mercado ben abastecido, pois, cando a xente regresaba da aldea traía o maleteiro cheo: verzas, patacas, cenoiras, feixóns, botellas de viño, chourizos, morcillas, peixe fresco, queixos, mazás, bica,... Falaban do cargamento coma se fose un tesouro, algo imposible de atopar noutros enclaves:

-        Trouxemos chourizos e morcillas de Presqueiras, non hai nada tan rico coma os elaborados na casa.

-        Coma o viño de Rubiá non o hai en ningures, é un Godello de calidade.

-        Este queixo do Cebreiro é un pracer para o padal.

O caso é que... En chegando o venres dáballes a todas como un mal, algo contaxioso, un andazo que lles facía marchar de Vigo e esparexérense pola xeografía galega.

Mesmo che daban un chisco de envexa -desa envexa, claro, que se cualifica como “envexa das boas”-.

A envexa desaparecía o domingo: ringleiras de coches regresaban producindo atascos de varios quilómetros e acababan co ánimo apracible que acadaran na aldea.

Non me preguntaban e eu tampouco dicía ren, dábame algo de vergoña recoñecer que non tiña aldea.

Acabou impoñéndose a curiosidade.

-        As que tendes aldea...- preguntei- Que hai alí que tanto vos ameiga e impresiona?

Non riron nin nada. Contestaron con moita seriedade, acenando para magnificar cada verba:

-        Moito verde, gamas de verdes en realidade.

-        Monte arborado, rochas erosionadas polo vento...

-        A avoa e o avó que me chuchan seguido.

-        Un río moi barulleiro que hai que cruzar polas poldras facendo equilibrio.

-        A tía Emilia que me recibe cun par de doces, séntame e despois sométeme a un interrogatorio: que tal na escola?, comiches ben?...

-        ...

Quedei pensando. Pois tampouco era para tanto o da aldea. Vaia!

-        Eu tamén teño unha avoa chuchona, unha tía – que non se chama Emilia, senón Áurea- que me somete a un terceiro grao sempre que me achego á súa casa, un monte no Castro, o río Lagares e augas cristalinas na costa para bañarme, paseos marítimos e fluviais,...  E se é polas viandas... só temos que baixar ata a tenda do fondo da rúa, ten patacas especiais para cachelos, fabas de Lourenzá, os pementos de Arnoia, pan de Soutelo, grelos de Santiago, castañas de Tabeirós, chourizos de Lalín, aceite de Quiroga, ... E o mellor: todo iso sen ter que soportar as caravanas de fin de semana.

Mentres eu pensaba seguían enumerando as magnificiencias das súas aldeas.

-        Ah!- dixen, namentres falaban eu comparaba esas aldeas con Vigo e non vía naquelas unhas vantaxes tan grandes.

Non tardei en dar positivo en “non me importa ren non ter aldea”.

Non tiña aldea realmente? Ben mirado igual si que tiña, unha ben grande.

09/08/23

CREBAR O SILENCIO

 

A revista MADRYGAL vén de publicar o seu número 25.
Na súa sección "Creación.Narrativa" recolle o meu relato "Crebar o silencio".

21/12/20

ATOPÁRONA DEBAIXO DOS ARBUSTOS

 

Estaba morta.

Era a primeira morte ocorrida nese lugar durante aquel tórrido período estival.

Tratábase dunha morte prematura.

Atopárona no extremo do xardín, xusto debaixo do dos arbustos de  érbedo.

Estaba  derrubada, retorta.

O cambio de coloración era evidente: apagado e amarelento.

No se sabe canto tempo podería levar alí naquel estado, pero en todo caso pasaran máis de vinte e catro horas.

Se houbese un parte de defunción diría: “morte por deshidratación”.

Pero… non se emiten partes de defunción deste estilo para as plantas.