01/08/15

ROMANCE DA PRINCESA MARIÑA

 Érase a filla dun rei

que se chamaba Mariña,

desfrutaba navegando

dende que era pequeniña.

Dende a fiestra do castelo

ollaba o pai cara a ela,

xogaba a ser capitana

subida nunha gamela.

O seu reino era unha illa

que moita xente cobizaba

sobre todo Orellagrande

un sanguinario pirata.


Un día de mañá cedo

cando a xente durmía

Orellagrande atracou

no peirao norte da illa.

Pirata e tripulación

rubiron polas almeas

e ás persoas do castelo 

atáronas con cadeas.

Xa estaban nas mazmorras

vasalos, rei e raíña...

Decatouse a soberana

de que faltaba Mariña!


Ao escoitar o barullo

collera a súa cadela

e a nena, case durmida,

fuxira cara á gamela.


Cando espertou, atopouse

coa horrible novidade,

navegou de illa en illa

buscando quen a axudase.

Non había tempestades,

nin onda maina ou xigante,

que a princesa non salvase

para seguir camiño adiante.


Era xa tan coñecida

polo valor que amosaba

que a xente se lle unía

cando o porto tocaba.

Conseguira naos, barcos,

lanchiñas e carabelas,

mariños ben adestrados

e todo dende a gamela.


Sen que desaparecese

a estela debuxada á ida

xa había unha de volta...

vaia trafego de visa!

Pasaran xa varios anos

do ataque do pirata,

cando polo horizonte,

ven unha tropa armada.


Entran naquela illa

e... a primeira das primeiras!

e a princesa Mariña,

a máis grande das guerreiras.

Xurou non saír de alí

sen vencer a aquel malvado,

sen liberar ao castelo

e buscar aos soberanos.


E loitou como se loita

con espada e con navalla,

vencendo aos invasores

nunha gloriosa batalla.

Percorreu todo o castelo

preguntando polos pais

atopounos encerrados 

nos cárceres reais.


De tanto como medrara,

case non a coñecían,

pois, non en van pasaran

sete anos e máis un día.

Xa hai ledicia no castelo

a xente anda abrazada,

o rei e maila raíña

apertan á filla adorada.


Rompe a tocar unha orquestra

todo o mundo está agardando

a que aparezan nas escadas

os soberanos baixando.

Escóitase dende a capela

o badalo tocando,

as campás do campanario

tocan e non dan parado.

Hoxe coroan raíña

a unha princesa valente.

Por salvar aquela illa

dálle vítores a xente.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.