31/05/21

PASEANDO POR VIGO

 

Andando devagar

Hai un peixe home

que vive en Sol,

unha porta do Atlántico

en lugar de farol,

un nadador

que non flota no mar,

un barco pesqueiro

non pode navegar.

Redeiros musculosos

traballan con forza,

unha ninfa con frautas

da poesía goza,

Rosalía de Castro

le dentro dunha fonte

e hai cabalos negros

que non veñen do monte.

...

Todo isto e máis

poderás atopar.

Paseando Vigo...

andando devagar,

espertando as rúas ao camiñar.

 

Vigo,

no seu solo, plantaron os pobos a cultura;

o maxín e as verbas perdéronse polas paredes

e as pegadas das xentes fixeron as rúas.

 

17/05/21

O CALENDARIO

 Cuns poucos números

e sete días,

os calendarios indican

que data sería.

Dinos cando será 

día de descanso

e se San Xoán 

cae ou non en sábado.

Podemos adiviñar

que estación virá,

en que estación estamos

e cando acabará.

06/01/21

O PRINCIPIO DE LECTURQUIDES

 Toda persoa somerxida na lectura sofre un impulso de aventura, creatividade, imaxinación, aprendizaxe e liberdade mil veces superior á cantidade de parágrafos lidos.

31/12/20

MALA CHISPA TE COMA 2020!

 O 2020 MORREU DE AVITAMINOSE,

SÓ, TRISTE, DESAMPARADO;

SEN AGARIMOS E BEIXOS,

SEN XUNTANZAS E CALOR HUMANO.

FALTOULLE VITAMINA DE APERTAS.

ALÁ SE FOI ESTE ANO!


O 2020, BISESTO INTERMINABLE,

CHEO DO SALGADO DE BÁGOAS,

SEN A DOZURA DUN BICO,

SEN  XENTE NO CABODANO.

FALTO DE ACENOS E SORRISOS.

ALÁ SE FOI ESTE ANO!




21/12/20

ATOPÁRONA DEBAIXO DOS ARBUSTOS

 

Estaba morta.

Era a primeira morte ocorrida nese lugar durante aquel tórrido período estival.

Tratábase dunha morte prematura.

Atopárona no extremo do xardín, xusto debaixo do dos arbustos de  érbedo.

Estaba  derrubada, retorta.

O cambio de coloración era evidente: apagado e amarelento.

No se sabe canto tempo podería levar alí naquel estado, pero en todo caso pasaran máis de vinte e catro horas.

Se houbese un parte de defunción diría: “morte por deshidratación”.

Pero… non se emiten partes de defunción deste estilo para as plantas.

12/11/20

SOIDADE

De tanta soidade

esqueceu falar

e nin as vogais pronuncia xa con claridade.



30/06/20

FALABA O RÍO



Falaba o río.
Murmuraba,
mais eu non sabía que dicía,
mais eu non o entendía.
O río xa mo contaba,
xa mo repetía,
e daba dolorosos laios.
Pronunciábaos por min,
por min que nin o intuía.
Daba por min as queixas,
as queixas daba por min.
      "A chave no peitoril", páxina 133