15/07/18

CONTO MÍNIMO: NA MONTAÑA

NO ALTO DUNHA MONTAÑA
HAI UNHA CABRA COMENDO,
LEVANTA A CABEZA E DI:
-QUE GORDA ME ESTOU POÑENDO!
E AO DEIXAR DE ALIMENTARSE
O CONTO TEN QUE ACABARSE.

20/10/17

TRABALINGUAS: ENARBORAR

 A BANDEIRA ESTÁ ENARBORADA,

QUEN A DESENARBORARÁ?

O DESENARBORARDOR QUE A DESENARBORE

DESARBORADA A DEIXARÁ.

31/08/17

CONTO MÍNIMO: A VACA MORIA


HABÍA UNHA VACA
QUE SE CHAMABA MORIA.
MORREU A VACA
E ACABOU A HISTORIA. 

01/01/17

FAMILIA DE RATOS

 A familia Rateiril

era moi, moi buliciosa,

chegaban a sete mil,

vaia se era numerosa!


Vivía toda xuntiña

nun enorme burato

e tiña un aluguer

moi, moi barato.


Tiñan a macrocociña

moi pretiño do salón,

ao fondo estaba o baño

e un despacho con balcón.


Todos os días

moi de mañanciña

marchaban ao traballo

no medio da campiña.


Mais esta semana

será especial,

tiñan outros labores

que non podía adiar:


O rato bigotudo

sairía con présa

a buscar a comida,

a merenda e a cea. 


Despois debería levar

a un ratiño ao doutor

tiña mal un dos dentes

e causáballe dor.

E como xa todos

deberedes saber

un ratiño non serve

se non pode roer.


A rata rabuda

marcharía de viaxe, 

pois tocaralle rodar

unha longametraxe.


Mentres iso pasa

o resto dos ratiños

farán os deberes

no burato sentadiños.


O único malo

e que á espreita estaba

o astuto do gato,

que en vendo a movida 

que  teñen os ratos,

ía ver se hoxe podía

quedar moi, moi farto.








17/11/16

CONTO MÍNIMO: A POMBA

ERA UNHA POMBA;
-PUNTO E COMA-
QUE TIÑA UN FILLO.
-PUNTO E SEGUIDO-
E FOI A MARTE.
-PUNTO E APARTE-
ERA UN ANIMAL.
-PUNTO E FINAL- 

10/11/16

TRABALINGUAS: MALLANDO

NO MILLEIRAL,
CO MALLO MALLABA EU MENOS MILLO
QUE COA MALLADORA DO MEU AMIGO.

29/08/16

SILENCIO CÓMPLICE


Silencio cómplice

 As perseverantes e continuas felonías
provocaron a caída da súa alma aos pés,
denegriron e envelenaron o seu espírito,
abatérono e virárono do revés.
A súa ánima era un campo de batalla
onde vencían os pesimistas sentimentos
impregnando e encollendo o corpo todo.

Convertido o corazón en pétrea masa
parecía ter fobia ao mundo e á expresión,
non comunicaba ren do que sentía...
Agachaba as inquedanzas e a dor
no fondo dunhas doridas entrañas
ateigadas de aceda e cruel decepción.

A piques de sobordar todo o alí apertado
só precisou dunha pinga máis,
dunha aguilloada certeira,
dun golpe que o fixo estoupar.
Abriuse a súa caixa de Pandora
e nun segundo todo explotou,
toda a furia alí enlatada
brotou incontrolada
cal cracatoante lava
abrasando a aba das emocións.

Suspirou profundamente con alivio,
(xa o aire cabía no interior)
limpando algunha peste da de dentro,
permitíndolle albiscar a liberación.
Inda sumida no pozo da desesperanza
e asolagada polo que reprimiu noutrora
ve unha luz lene alá na cima
e cre que a salvación preto se atopa.

Rubir cara a luz era o desexo
e para iso, para saír, debía
abandonar aquela mudez preventiva
que se convertera en segredo arrepiante
O silencio... o control, era -certamente-
unha agresión mortal ao seu futuro
permitindo que toda a rabia e a anguria
se acazapase firme no escuro
e non foxa espavorecida entre os dentes.

Precisaba dun máxico esconxuro
que trasladase  aos beizos dende a mente
o nome do problema e disipalo.
Aco-so, aco-so, aco-so...
Tatexouno, obrigándose a nomealo
acoso, acoso, acoso
escanciouno lentamente
e cuspiuno decidida para botalo.


Premio de poesía no VI Concurso Literario "Rosa de Cen Follas"

Entrega de premios do VI Concurso Literario do COPG "Rosa de Cen ...