31/10/25

UN RARO ESCONXURO

 A bruxa Antía

e o bruxo Andrés

unha boa trasnada

fixeron esta vez.


Inventaron unha apócema

para facer un meigallo

e puxeron de ingredientes

pés de rata e pel de allo.


Despois de ben remexido

na tixola de diario

dixeron: Aspelimida!

Botáronllo ao abecedario.


O efecto do meigallo,

se atendes, adiviñarás,

polo que fan os personaxes

que pronto coñecerás:


Na escola pola mañá,

Leoncio e máis Lilí

cando escribían papá,

apareceulles pipí.


Na charca os animais

andaban moi confundidos

a ra, agora era ri,

que lío! que sen sentido!


Unha ciclista apurada

no medio de tanta xente

dicía: piso! por paso!

Resultaba sorprendente.


O pato moi enfadado

foi ao rexistro civil

porque lle chamaban pito

dende China ata Estoril.


O que alí fixeron

Andrés e Antía

seguro que acertastes

sen facerdes bruxería.


Buscamos un antídoto

que funcione ao instante?

Ou dicimos esconxuros 

con efecto fulminante?


Inventádeos axiña

e escribídeos aquí

para que queden no sitio

o a e mailo i.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.