24/06/25

VACACIÓNS!

 Estou cansa,

estou derreada,

ao medio da semana

non podo coa alma.

Que farei o venres

se non me recupero?

Non durmo, non como,

Ai! que desespero!

A miña forza caeu ben ao fondo...

Estou precisando

dunhas vacacións

e irme ben lonxe,

canto máis mellor!

25/04/25

MANIFESTARNOS

 Hai moitos motivos 

para a rebelión:

a pobreza,

a desigualdade,

a fame,

a contaminación,

a falla de vivenda,

a criminalidade,

as guerras,

a discriminación,

os abusos,

a precariedade,

os prexuízos,

a represión...

Basta de silencio!

non imos calar!,

sairemos á rúa

para protestar!




02/04/25

VOAR

 Non che gustaría

voar por riba das montañas e dos vales

e ollar a túa terra dende o aire?


23/03/25

A CONTAR MENTIRAS!

 -Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Eu, pois teño unha na cabeza.


Alá enriba

naquel outeiro,

hai un altísimo

pexegueiro.

Fun alá

coa miña curmá

e soamente tiña 

unha mazá.


-Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Eu, pois teño unha na cabeza.


O gato Michu-Michu

marchou ao Machu-Pichu.

Que... a que foi alá?

El nolo contará:

- Fun comer unha sardiña

que inda estaba quentiña

dende o ano pasado

que a asara o meu cuñado.


-Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Eu, pois teño unha na cabeza.


Eu o outro día oín,

cando ía cara ao valado,

unha vaca esfameada

miañando nun tellado.

E o domingo vin,

saíndo de Tomeza,

unha galiña poñedora

con dous rabos e sen cabeza.


-Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Eu, pois teño unha na cabeza.


Alá embaixo,

naquel burato,

vive unha ra

que leva zapato.

Levouna Noa

a unha lagoa

saíu voando

cunha á soa.


-Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Eu, pois teño unha na cabeza.


O rato Patizambo

foi á illa de Tambo.

E... que fará acolá?

O rato nolo dirá:

- Fun coller un queixo

que medrou onda un seixo,

sementárao no verán

o meu amigo Xoán.


-Dime, dime,

que dirás?

unha mentira argallarás?

- Xogarei, xogaremos

e moitas mentiras diremos.

- Quen comeza?

- Atréveste ti coa que tes na cabeza?

08/03/25

EMPODERARSE

 María aprendeu

que valía moito,

que era marabillosa,

que o podía todo.

Era lista e libre,

era dona de si,

o seu destino

ela ía decidir.

01/03/25

CONCILIACIÓN FAMILIAR

 Iso mal chamado

concialiación familiar

non concilia nada

é truco empresarial:

máis tempo na escola

temos a nenas e nenos

e só conseguimos 

que nos vexan menos.

Non comemos na casa

temos horarios densos

non gozamos nada,

non nos queda tempo.

A verdadeira conciliación

só pode se pode acadar

cunha redución sensata

da xornada laboral.

22/02/25

NO DÍA DE ROSALÍA

 NO DÍA DE ROSALÍA...

Estrela que brilla no firmamento da nosa lingua,
deusa do rexurdir da nosa fala por moito tempo acalada,
fonte da que brotaron verbas cheas de emoción e reivindicación,
da que manaron palabras tantos séculos silenciadas,
espeleóloga que sacou da profundidade
do abismo,
do precipicio do esquecemento
verbas dunha lingua milenaria
para facelas latexar de novo no corazón do pobo.
Luz que espallou claridade na escuridade
e reabriu a posibilidade de narrarnos no propio idioma.
A. Arias