Non me gusta
nada, nadiña,
que andes ao rebusque
na miña cociña.
Todo o que teño
eu vou precisalo,
e se ti o queres
mellor vas mercalo.
Non me gusta
nada, nadiña,
que andes ao rebusque
na miña cociña.
Todo o que teño
eu vou precisalo,
e se ti o queres
mellor vas mercalo.
CHOVE A CHUZOS E
CHEMA CHAVES ANDA CHAPUZANDO NAS CHARCAS
E METENDO AS CHANCLAS NAS FOCHANCAS.
PARA UN DÍA DE ROSALÍA
Inda que repita o mesmo,
o que xa foi escrito,
o que xa dixo alguén...
Vou garafetear a folla
vou compoñer agora.
Seguro repetirei
un tema manido,
mais teño que poñelo por escrito.
Co lapis co que escribo,
vou encher de borranchos o papel,
porque borro e mil veces corrixo
o que expreso nel.
Fareino
inda que non me convenza,
pois, o que non escribo, dáname;
rebúleme na cabeza,
convértese nun mantra,
nunha pica esporeante
que me apicoa con dureza.
SAPO PIPO PARTIU A PATA
PATA PERE PARTIU O PICO,
PIPO E PERE PARTIRON ALGO,
PERE E PIPO ALGO PARTIRON.
TERRA ARDIDA, INCENDIADA, CALCINADA
As lapas
devoran con ansia,
esgazan
famentas.
Arrasan todo.
Devastan
á mantenta.
As vagas
de lume
-incontroladas,
entolecidas-
percorren
os montes,
engulipan
o bosque
tragan descomedidas.
Escóitanse
os queixumes
das formas
de vida
que arden
a eito
mentres
pregan,
imploran
e rezan
pola
choiva que non chega.
O denso fume
fai espirrar
ás nubes.
O verde vírase
negro
e o
rechouchío vólvese silencio.
En nada,
nun suspiro,
quedou
todo ermo,
séculos
de crecemento
esvaeceron
nun pestanexo do tempo.
Durante décadas
laiarase
o vento
ao
faltarlle
os
aloumiños das pólas ao pasar,
chorará
o orballo
ao non
ter follas onde se pousar,
arrepiarase
o sol
ao tocar
cos seus raios un chan cinsento
No souto...
as pólas repetían os retrousos
que a forza do vento lles ensinara.
As árbores na época castañega
danlle a benvida ás ventadas
para que lles quiten a nugalla.