01/07/15

SOÑANDO CON VOAR

 Un día un vermiño

parouse a pensar

o ben que estaría

botarse a voar.


Como só non podía

tivo que artellar

un plan enxeñoso

para o seu soño lograr.


Púxose nunha folla

e ao chegar o vento

levouno voando

moito, moito tempo.


01/02/15

AS UTILIDADES DUN MONSTRO MONSTROSO

 Un día

contiña un xornal

este anuncio orixinal:

"Empréstase monstro, monstroso,

do tamaño dun raposo,

peludo, gordecho, horroroso,

de todo menos silencioso

e case sempre cochambroso.

quen o queira pódeo levar,

sen un pataco pagar.

Marcar deben no aparato:

o 7-8-444."


Leu o anuncio María

e contoullo á súa tía:

- para que nos serviría

un ser tan singular?

- se cadra para asustar

a quen poida interesar.


Tamén o leu don Ramón

e díxollo ao patrón:

- pode ter utilidades 

con tan altas calidades?

- para os luns será o mellor

e o máis grande espertador

ou para un tétrico castelo

será o adorno máis belo.


Xa o lera toda a vila

ata a bruxa Domitila:

- para que poderei usar

ese curioso exemplar?

- de mascota dedorenta

para a vella meiga Vicenta

ou de peluche gracioso

para o ogro Sinforoso.


Tanta xente a chamar

para o monstro levar,

sobrecargaron a liña

da pequena centraliña.

Quen podería imaxinar

este éxito sen par?

Ata semella xeitoso

ese monstro monstroso!




02/09/14

E TI... VAS Á ESCOLA?

Resultado de imagen de o pitiño vai á escola

Resultado de imagen de o pitiño vai á escola

ADIVIÑA, ADIVIÑA

HAI BICHOS
HAI MONSTROS,
SOAN COMO MICHOS
MAIS NON O SON.
BERRO E SÚO,
QUÉDOME MÚO,
ESCOITO BARULLOS
QUE ALÍ NON ESTÁN.
E NA ESCURIDADE
TREMO MOITO MÁIS.

QUE TEÑO?
PODES ADIVIÑAR?

03/07/14

APRENDO CON PROXECTOS

Un día María
camiño da escola
fixo unha pregunta,
así como soa:
- Avoa...
por que as nubes
teñen formas variadas?
Por que cando chove...
parecen queimadas?
- Xa soa o timbre...
dígocho á tardiña?
Entra logo á clase.
Entra, bule, axiña!

A nena, na clase
deixa a mochila...
mais segue coa pregunta
cavila e cavila.

A pregunta inqueda,
dá curiosidade,
é coma un aguillón
que pica de verdade.

- Rauliño...
ti sabes?...
- Que hei saber?
- Por que algunhas nubes...
poden escurecer?

Rauliño queda
un cacho pensando...
Esa preguntiña 
estao amolando.

María colócase
na asemblea sentada, 
e pronto a ven
coa man levantada:
- Teño unha pregunta
- Moi interesante?
- As nubes do ceo...
non son algo intrigante?
As formas, as cores
non deixan de mudar
e mesmo son móbiles
e cambian de lugar...

- Porque son lixeiras
- Teñen movemento
- Porque están cargadas
- Porque sopra o vento
- ...
Así durante un intre
toda a clase fala..
mais os argumentos
non lles gustan nada.
As respostas dadas
non enchen a ninguén:
hai que investigalo
para sabelo ben!

Escriben con tino
o que queren saber:
cun pequeno guión
nada van esquecer.

Prepáranse felices
para investigar,
organizan con tino
onde, como,..., cal.

Buscan nos libros
e con navegadores,...
preguntan no blogue
e a persoas maiores,...
Recollen nun folio
todo o que lles din
Moitas, moitas verbas
e fotos sen fin.

Teñen sobre o tema 
tanta información
que queren colocala
nunha exposición...

Saben moito das nubes
e calidades delas...
- Damos unha conferencia
aos nenos e ás nenas?
- ...
Anuncian o evento
con cartelería
colocan lugar, hora, ...,tema, 
conferenciantes e día.

Que gran aventura
a de coñecer!
Unha pequena dúbida
lévanos aprender.
AS PREGUNTAS INQUEDAN... DUNHAS SAEN OUTRAS