03/01/26
02/01/26
UN ANO NOVIÑO
Un ano noviño
naceu en xaneiro,
dos doce meses
ese é o primeiro.
Xaneiro de frío,
dalgunhas nevadas,
de saír á rúa
e atopar xeadas.
31/12/25
UN NOVO MUNDO
Buscamos un mundo novo,
un mundo onde a diferenza se considere unha riqueza
e non algo a combater,
onde a igualdade non se teña que esixir
senón que xa se desfrute
só por ser.
Un mundo onde non haxa pegadas
de violencias pasadas,
nin medo a que poidan emerxer,
onde o respecto e a convivencia,
sexan norma social,
sexan lei.
Buscamos un mundo novo,
un mundo onde a concordia e o entendemento
se represente con liñas continuas que suben,
non con liñas quebradas
ou que se esvaen
a correr.
Un mundo solidario, un mundo noso...
un mundo acolledor
18/12/25
MALOS TEMPOS
MALOS TEMPOS
Tempo pródigoen inxustizas e ignominias
que non dan tregua,
que enlarafuzan os soños meigos de liberdade.
Tempo hostil
que asexa detrás dos anoxos
e tenta coarse por entre as incertezas,
inseguridades e irreflexións.
Tempo escuro
no que se proxectan espellismos
creados a base de loiadas
nubran cerebros
e apréixaos nas mans de baleiras palabras
e mesmo peor...
nas verbas disfrazadas
que camuflan deshumanización
e que son bandeira do antivalor.
Tempo adverso
cheo de alburgadas que agroman
como sementes en campo abonado,
malas herbas que medran
pola obnubilación,
negacionismo, neglixencia e senrazón.
Tempo convulsos
no que as xentes,
buscando unha embaixada do paraíso,
caen nas fauces traizoeiras
da serpe da maceira.
Azucena Arias Correa
16/12/25
VAISE DECEMBRO
Emprendeu un camiño sen retorno,
non podería regresar,
volveuse cun sorriso nos beizos
e só fixo un aceno
coa man.
- - Este é un camiño de ida,
sen saída.
Vou facelo sen présa
camiñando paseniño.
Dixo e despediuse
tranquilamente,
sen abandonar o sendeiro,
sen deixarse amedrentar.
Seguiu o seu camiño
e nunca volverá atrás.
25/11/25
EU SI TE CREO
Cos ollos fundidos,
a cor amarela,
os brazos rendidos,
dobradas as pernas...
Entra pola porta,
moi, moi afectada,
chama a atención:
está tan delgada!
Míraos muda,
en silencio berra,
o seu ricto acusa,
como non van crela?
Fora el,
el o fixera...
E a vítima
si que fora ela!
15/11/25
ANTES DO INVERNO
Entre as árbores espidas
ten o seu fogar un esquío.
Atesoura dilixente:
noces, landras, castañas
e unha chea de sementes.
Cando escoite zoar o vento
e repenicar a choiva,
meterase no seu tronco
sen pagar alugamento.