15/11/23

IMPOTENCIA

 IMPOTENCIA

De novo a inhumanidade e a zuna

arrásannos os ollos

ante tanta inocencia maltraída.

Tornáronse en cascallos

cada lar,

cada vivenda.

A impotencia pendúrasenos dos xestos

con cada nova noticia

con cada fin dunha vida.

 

Choraremos ante a hecatombe

con bágoas de lume e fel.

Asinaremos manifestos

preguntando ao redor

que máis podemos facer...

(á parte de usar cada verba

para amosar enerxicamente

a nosa desaprobación).

 

Seremos tamén vítimas

solidarias

indefensas.

Coa violencia rabiosa da ideoloxía hostil

resgan vidas inarmes.

No canto de tirafondas de palabras

aparecen metralladoras e canóns,

non hai bombas acaladas

só sanguento e encarnizado horror.

 

Volverán as pombas brancas

con varelos de oliveiras?

Pregamos ..., non, esiximos!,

acabar coa senrazón,

que as bombas se tornen voces

atentas,

respectuosas,

sen coerción

ou... un máxico esconxuro

que volva brancas as bandeiras.

Miraremos ao futuro

sen o duro fardo da guerra?

 

12/11/23

VAIA TROMPAZO!

Por un verde lugar

 afastado do mar

andaba un elefante

con aire moi arrogante.

-        Que ben que me senta

esta trompa tan discreta!

Tan tenso camiñaba

que nin unha ollada

ao chan lle botaba.

PAM, PIM, PATAPLOF!

PLOF! PLOF! PLOF!

Que lle sucedeu?

Esvarou e caeu,

fracturou a trompa,

feriu unha orella

e a lama manchoulle

todas as guedellas.

AI! AI!

AI! AI! AI!

Coa trompa enxesada

e coa orella vendada

pasou todo un mes

sen pasear ren.

Dese día en diante

o altivo elefante

non volveu camiñar

sen mirar ao chan.