01/12/23

EMIGRAR

 Veño con frío, con sono, mollado.

Veño buscando o que non teño.

Veño con fame, sedento, cansado.

Fáltanme os cartos  e o sustento.


Dende hai anos só teño esperanza

e non me permito sentir añoranza.


Chego ao norte, estraño, esgotado.

Chego feble e moi asustado, 

mais... que teño que perder?

vou seguir loitando.



15/11/23

IMPOTENCIA

 IMPOTENCIA

De novo a inhumanidade e a zuna

arrásannos os ollos

ante tanta inocencia maltraída.

Tornáronse en cascallos

cada lar,

cada vivenda.

A impotencia pendúrasenos dos xestos

con cada nova noticia

con cada fin dunha vida.

 

Choraremos ante a hecatombe

con bágoas de lume e fel.

Asinaremos manifestos

preguntando ao redor

que máis podemos facer...

(á parte de usar cada verba

para amosar enerxicamente

a nosa desaprobación).

 

Seremos tamén vítimas

solidarias

indefensas.

Coa violencia rabiosa da ideoloxía hostil

resgan vidas inarmes.

No canto de tirafondas de palabras

aparecen metralladoras e canóns,

non hai bombas acaladas

só sanguento e encarnizado horror.

 

Volverán as pombas brancas

con varelos de oliveiras?

Pregamos ..., non, esiximos!,

acabar coa senrazón,

que as bombas se tornen voces

atentas,

respectuosas,

sen coerción

ou... un máxico esconxuro

que volva brancas as bandeiras.

Miraremos ao futuro

sen o duro fardo da guerra?

 

12/11/23

VAIA TROMPAZO!

Por un verde lugar

 afastado do mar

andaba un elefante

con aire moi arrogante.

-        Que ben que me senta

esta trompa tan discreta!

Tan tenso camiñaba

que nin unha ollada

ao chan lle botaba.

PAM, PIM, PATAPLOF!

PLOF! PLOF! PLOF!

Que lle sucedeu?

Esvarou e caeu,

fracturou a trompa,

feriu unha orella

e a lama manchoulle

todas as guedellas.

AI! AI!

AI! AI! AI!

Coa trompa enxesada

e coa orella vendada

pasou todo un mes

sen pasear ren.

Dese día en diante

o altivo elefante

non volveu camiñar

sen mirar ao chan.

09/08/23

CREBAR O SILENCIO

 

A revista MADRYGAL vén de publicar o seu número 25.
Na súa sección "Creación.Narrativa" recolle o meu relato "Crebar o silencio".

01/08/23

PASA O TEMPO

 Pasa o tempo 

sen que te decates,

cando tentas paralo,

xa liscou.

É imparable,

acételo ou non.

Podes velo 

con pesimismo:

un ano máis vello son.

Ou optar

polo optimismo:

canta experiencia se gañou!

19/06/23

POÑERSE NERVIOSA

 

As verbas abrollan,

saen sen orde,

atormentadas,

revolvidas, chafalladas.

As verbas saen remexidas,

mesturadas unhas coas outras.

Abrollan embarulladas.

Verdade é

que non precisa dicir ren:

toda a desorde verbal

explica as súas emocións moi ben.

Perde a súa concentración,

Pona nerviosa o sitio aquel.

01/04/23

SAE DA COCIÑA!

 Non me gusta

nada, nadiña,

que andes ao rebusque

na miña cociña.

Todo o que teño

eu vou precisalo,

e se ti o queres

mellor vas mercalo.

25/03/23

TRABALINGUAS: A CHUZOS, A CACHÓN

 CHOVE A CHUZOS E 

CHEMA CHAVES ANDA CHAPUZANDO NAS CHARCAS 

E METENDO AS CHANCLAS NAS FOCHANCAS.

22/02/23

DEDICADO A ROSALÍA DE CASTRO

 PARA UN DÍA DE ROSALÍA

Filtránsenos no sangue
as túas verbas sentidas.
Pérolas da nosa lingua común.
Voan de neurona en neurona
deixándonos a forza das emocións
e a valentía das reinvindicacións.
Inundan o noso corpo
as expresións xurdidas dunhas mans
que a morriña e a mestría moven.

11/01/23

NECESITO ESCRIBIR

 Inda que repita o mesmo,

o que xa foi escrito,

o que xa dixo alguén...

Vou garafetear a folla

vou compoñer agora.

Seguro repetirei 

un tema manido,

mais teño que poñelo por escrito. 

Co lapis co que escribo,

vou encher de borranchos o papel,

porque borro e mil veces corrixo

o que expreso nel.

Fareino

inda que non me convenza,

pois, o que non escribo, dáname;

rebúleme na cabeza,

convértese nun mantra,

nunha pica esporeante

que me apicoa con dureza.