12/04/20

QUEN NON TEN CABEZA, DEBE TER PATAS

 Había unha vez un rato

que tiña a súa vivenda

nun moi coqueto burato

bastante lonxe das tendas.

 

Todas as mañás saía

coa bolsa e co carriño

facer as compras do día

e volvía cargadiño.

 

Para non esquecer o recado

repetía paseniño

a súa inmensa listaxe:

xurelo, sardiña e tarta,

pan e xamón en friame,

media pataca parda

e un queixo aromatizado.

 

Ía recitando a lista

como se fose unha historia.

A ver se non se despista,

pois non a sabe de memoria!

 

Pero encontrou na rúa

a súa amiga a chinchilla                                            

que levaba con  carrúa

unha baleira carretilla.

 

Canto tempo sen se ver!

Canto tiñan que contar!

Falaron sen se deter:

do fillo pequeno da irmá,

da colleita de abelá,

do tempo que fará mañá,

da ferida da curmá

e de bla, bla, bla, bla, blá.

 

O rato estaba contento,

mais decátase de pronto

que non mercara o sustento.

Pero o máis grave, se cabe,

é que esquecera a listaxe.

-        Que sería o que quería?

-        Que precisaba comprar?

Como se desacordaría

do que tiña que mercar?

 

Algo (pouco) foi lembrando

cando se achegaba ás tendas

e lle ían preguntando

as que facían as vendas:

 

-        Señor rato, que quería?

-        Creo que un xurelo fresquiño

e unha pouca sardiña.

 

 

-        Señor rato, que quería?

-        O mellor xamón curado

que hai na carnicería.

 

-        Señor rato, que quería?

-        Esa caixa de galletas

e pasteliños do día.

 

-        Señor rato, que quería?

-        Un cachiño desa oliva

que teñen na froitería.

-        Señor rato, que quería?

-        Un molete de pan quente

feito na panadería.

 

-        Señor rato, que quería?

-        Unha tarta de vainilla

con nata e moi, moi fría?

 

Pensa o rato satisfeito:

“Con tento e amodo

creo que xa merquei todo”.

 

E regresou para a casa

co seu carriño ateigado

e a bolsa chea ata a asa

con paso moi apurado.

 

Mete as compras na artesa

e rematado o traballo

vai coller a recompensa

o merecido agasallo...

 

-        O meu queixo! Que moinante!

Con tanto leria que leria

esquecín o importante!

-        Como resolver o problema

Se non regreso á tenda?

Así que tivo que volver

Mercar o queixo e dicindo:

-        Non me volverá a ocorrer,

serei algo máis precavido!

 

Dende entón sae ás mañás

facer as compras calmado,

cun papeliño nas mans

no que ten todo anotado.

Pode con calquera falar

e parar no escaparate,

seguro xa pode estar

de non esquecer nada importante.

 

 

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.