Érase que se era, era
un castelo enfeitizado,
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo malvado.
Un día a fada Mariña
deulle coa súa variña
e desfixo o maleficio
do castelo enfeitizado,
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Chegou entón a raíña,
para vivir nel soíña,
pagoulle á fada Mariña
porque coa súa variña
desfixera o maleficio
do castelo enfeitizado
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Apareceu o rei Marcelo
para mercar o castelo,
un tesouro deu á raíña
que lle pagou a Mariña
porque coa súa variña
desfixera o maleficio
do castelo enfeitizado
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Pasou Iria, a capitana,
e alugouno unha semana
deulle moedas a Marcelo
que lle mercara o castelo
cun tesouro á raíña
que lle pagou a Mariña
porque coa súa variña
desfixera o maleficio
do castelo enfeitizado
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Entón veu un xigantón
e quixo usalo de prisión
dándolle de boa gana
un cofre á capitana
que deu moedas a Marcelo
que lle mercara o castelo
cun tesouro á raíña
que lle pagou a Mariña
porque coa súa variña
desfixera o maleficio
do castelo enfeitizado
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Cando estaban entretidos
cos agasallos obtidos,
sorprendeunos a pantasma
de nome Recataplasma
e asustou, como é de lei,
á fada, á raíña, ao rei...
e tamén de refilón
á capitana e ao xigantón,
meténdose de contado
no castelo abandonado
que era un lindo edificio
e non tiña maleficio.
E colorín, colororia
aquí remata a historia
do castelo enfeitizado
enmeigado hai moito tempo
por un bruxo moi malvado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.