31/10/25

ORDENADOR

 Hoxe andaba con présa,

tiña reunión

na memoria extraíble

tiña a información.


Collín o portátil,

e despois de encender

metín o chisme

no porto USB.


Despois de agardar

impacientemente,

vexo que non o detecta,

vaia inconveniente!


Por fortuna gardara

todo en internet.

Entro na miña conta...

Non se pode ver!


A piques de chegar 

á desesperación

lembro que fixera

copia en CDRom.


Con cara de triunfo

pola precaución

busco onde metelo

no ordenador.

Imposible.

Non hai onde inserilo!

Vou á reunión...

A ver como libro!


Sorriso forzado.

- Así son os medios!

Falo do que lembro,

non hai máis remedio!


Quedei en remitirlles

todo por e-mail

cando o servidor

nos funcione ben.

UN RARO ESCONXURO

 A bruxa Antía

e o bruxo Andrés

unha boa trasnada

fixeron esta vez.


Inventaron unha apócema

para facer un meigallo

e puxeron de ingredientes

pés de rata e pel de allo.


Despois de ben remexido

na tixola de diario

dixeron: Aspelimida!

Botáronllo ao abecedario.


O efecto do meigallo,

se atendes, adiviñarás,

polo que fan os personaxes

que pronto coñecerás:


Na escola pola mañá,

Leoncio e máis Lilí

cando escribían papá,

apareceulles pipí.


Na charca os animais

andaban moi confundidos

a ra, agora era ri,

que lío! que sen sentido!


Unha ciclista apurada

no medio de tanta xente

dicía: piso! por paso!

Resultaba sorprendente.


O pato moi enfadado

foi ao rexistro civil

porque lle chamaban pito

dende China ata Estoril.


O que alí fixeron

Andrés e Antía

seguro que acertastes

sen facerdes bruxería.


Buscamos un antídoto

que funcione ao instante?

Ou dicimos esconxuros 

con efecto fulminante?


Inventádeos axiña

e escribídeos aquí

para que queden no sitio

o a e mailo i.

CHEGOU SAMAÍN

 Por aí chegan

bruxas e monstros,

pantasmas e vampiros,

asústannos moito.

Na rúa está moi escuro,

uns poucos calacús

ilumínano todo!

No castelo enfeitizado

as portas renxen

e mesmo os zombis

ao escoitalas, tremen.

Que lle imos facer!

É o Samaín!

Con castañas e doces

facemos un festín.


27/10/25

O OUTONO

 

Chegou a estación

na que os bosques choran

follas caducas douradas 

e na que as pingas de vidro

polo vento son roubadas.

Chegou a estación

onde se escoitan os paxaros

planificando o seu voo

para fuxir da friúra

que, cando veña o inverno,

traerá a nevada.

24/10/25

OUTONO

Alí sentadiña
ollando ao ceo,
Lucía agardaba
polo seu sombreiro.
Voara co vento,
un vento moi forte,
ese vento frío,
o vento do norte.
Ela agardaba 
que llo devolvese
se no vento do sur
el se convertese.

21/10/25

O PASO DO TEMPO

 

Cronos devora o tempo

e regula cada reloxo persoal de vida

- cuxo número de tic tacs

a incorpórea Ananque dita-.

Non temos poder sobre el

inda que nos empeñemos en medilo e calculalo

non o podemos deter.


15/10/25

BASTA!

 Xa basta!

Xa abonda!

O que pasa no mundo

debe darnos vergoña:

o silencio da xente

ante a monstrosidade

e que ditadores actúen

con impunidade.

Xa basta!

Xa abonda!