20/09/25

QUE TEMPO!

 Pasan os ríos

por riba das pontes,

non amaina o vento,

sopra dende onte.

Alerta amarela.


As ondas teñen

máis de quince metros.

E os paxaros asustados

non paran quedos.

Alerta laranxa.


Voan as tellas

e os contedores,

caen as árbores

dos arredores.

Alerta vermella.



03/09/25

SOLASTALXIA

SOLASTALXIA.
Sinto angustia pola destrución do contorno.
Un auténtico ecocidio.
Pódeme a desolación e a carraxe.
Inda gardo nos ollos
aquela verde paisaxe,
a abundancia de vida que nos arrodeaba...
Como conformarse agora con este espazo morto?
Logro imaxinarte inda
e deseñar follas sobre os tizóns que ficaron,
poñer toxos e carqueixas sobre as negras cinzas
e escoitar aos bufos na noitada.
Como atopar ante isto algo de conforto?
Unha aldraxe,
un maltrato a todas e todos nós.
Incuria, neglixencia
e imperdoable desleixamento.
Todo deixado en mans da chuvia
(que veña pronto!)
esperando a unha xeración espontánea,
que faga a terra por si o seu acondicionamento
e borre da superficie
as pegadas da cordilleira de fogo.
SOLASTALXIA.
Angustia ante a negra paisaxe erma
que tardará en corcoserse
para retornar ao que era.
Azu Arias Correa

01/09/25

QUE PODO COLECCIONAR?

 A xove fada Catusiña,

cando non xoga coa variña,

non sabe que argallar.

A súa amiga Analía

díxolle que podería

algo coleccionar.


Que me poderá gustar?

empeza a preguntar.

- Hai quen colecciona cromos.

- Iso non me gustará.

- Tamén coleccionan selos

- Iso non me gustará.

- Ou coleccionan insectos.

- Non! Non me gustará!


Que me poderá gustar?

segue a preguntar.

- Hai quen colecciona cadros.

- Iso non me gustará.

- Tamén coleccionan xerros.

- Iso non me gustará.

- Ou coleccionan follas.

- Non! Non me gustará!


Despois de tempo pensando,

coidou que viaxando

podería atopar

algo que coleccionar.

E si...


E recolleu:

pó de estrelas,

area do mar,

terra fresquiña de cada lugar.


E recolleu:

vistas fermosas,

colores sen par,

asexos curiosos e doce ollar.


E con todo iso...

Non fixo álbums,

nin exposicións.

Fixo poesías 

e lindas cancións.


Agora a fada Catusiña,

cando non xoga coa variña,

non se pode aburrir,

recolle verbas fermosas

e palabras curiosas

para despois escribir.


Cantas coñeces ti?