01/11/19

E NON SABÍA CROAR

 Vouvos contar unha historia,

unha historia singular:

Era unha ra

moi noviña

que non sabía...

        CROAR.


Os bichos da charca

non deixaban de murmurar:

non berra,

non canta,

non sabe croar.


Un día levaron o asunto

a  persoal avezado:

non fala,

non berra,

non canta,

non sabe croar.

- Non será unha rá

que acaba de chegar?

Investigade primeiro 

se vén do estranxeiro.


Investigar investigaron,

mais seguía sen croar.


E entón levaron o asunto

a  un chamán afamado:

non chía,

non fala,

non berra,

non canta,

non sabe croar.

- Tal vez cun fervido

de herbas medicinais

mellore da gorxa

e poida croar.


Despois dunhas cuncas

de herbas fervidas

á ra noviña

xa puido falar:

croa-croa, croa, croa croá.


14/08/19

A VIDA AZÓUTANOS SEN VARA NIN XOSTRA

Azóutannos con palabras,
coas olladas,
co silencio.
Azóutannos con inxustiza,
con trinca,
co afastamento.
E como o azoutado
a impotencia mantente calado,
aguantando,
agardando.
Azóutannos e nin berrar podemos.

A chave no peitoril, Ed. do Peirao, px 131

23/03/19

DEBAIXO DA TERRA

 A toupa Toupeira

é mestra na escola

debaixo da terra.

Que escuro que soa!


Nela aprenden

miñocas e vermes,

toupas e escaravellos,

formigas e serpes...


Acenden todo o día

unha enorme lanterna.

Que escuro está todo

debaixo da terra!


Fan problemiñas

con paos, con pedras,

con pallas, con herbas...

E a que mellor resolve

é a forcadela.

02/03/19

O CASTELO ENFEITIZADO

 Érase que se era, era

un castelo enfeitizado,

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo malvado.


Un día a fada Mariña

deulle coa súa variña

e desfixo o maleficio

do castelo enfeitizado,

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.


Chegou entón a raíña,

para vivir nel soíña, 

pagoulle á fada Mariña

porque coa súa variña

desfixera o maleficio

do castelo enfeitizado

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.


Apareceu o rei Marcelo 

para mercar o castelo,

un tesouro deu á raíña

que lle pagou a Mariña

porque coa súa variña

desfixera o maleficio

do castelo enfeitizado

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.


Pasou Iria, a capitana,

e alugouno unha semana

deulle moedas a Marcelo

que lle mercara o castelo

cun tesouro á raíña

que lle pagou a Mariña

porque coa súa variña

desfixera o maleficio

do castelo enfeitizado

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.


Entón veu un xigantón

e quixo usalo de prisión

dándolle de boa gana

un cofre á capitana

que deu moedas a Marcelo

que lle mercara o castelo

cun tesouro á raíña

que lle pagou a Mariña

porque coa súa variña

desfixera o maleficio

do castelo enfeitizado

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.


Cando estaban entretidos

cos agasallos obtidos,

sorprendeunos a pantasma

de nome Recataplasma

e asustou, como é de lei,

á fada, á raíña, ao rei...

e tamén de refilón

á capitana e ao xigantón,

meténdose de contado

no castelo abandonado

que era un lindo edificio

e non tiña maleficio.


E colorín, colororia

aquí remata a historia

do castelo enfeitizado

enmeigado hai moito tempo

por un bruxo moi malvado.