25/11/25

EU SI TE CREO

Cos ollos fundidos,

a cor amarela,

os brazos rendidos,

dobradas as pernas... 

Entra pola porta,

moi, moi afectada,

chama a atención:

está tan delgada!

Míraos muda,

en silencio berra, 

o seu ricto acusa,

como non van crela?

Fora el,

el o fixera...

E a vítima

si que fora ela!

15/11/25

ANTES DO INVERNO

 Entre as árbores espidas

ten o seu fogar un esquío.

Atesoura dilixente:

noces, landras, castañas

e unha chea de sementes.

Cando escoite zoar o vento

e repenicar a choiva,

meterase no seu tronco

sen pagar alugamento.

12/11/25

MARCHO, MAMÁ!

 - ...

- Non hai quen te ature,

ninguén te soporta!

- Pois marcha, se queres,

aí tés a porta.

- Si, claro que quero,

si que vou marchar,

se me botas en falla

non me vas atopar.

- Pois, hala!, non fales,

non perdas o tempo,

e tan pronto saias

o teu cuarto vendo.

- Mamáaa! vou saíndooo

á porta con todo

eu xa vou chegando.

- Pois, bule, hala! marcha.

xa me estás tardando.

...

- Non me botarás

en falla un chisquiño?

- Seguro, mais non quero

que sufras comigo.

...

- Pois logo, quedo

quedo e soporto,

non quero que sufras,

vexo que che importo.