22/02/25

NO DÍA DE ROSALÍA

 NO DÍA DE ROSALÍA...

Estrela que brilla no firmamento da nosa lingua,
deusa do rexurdir da nosa fala por moito tempo acalada,
fonte da que brotaron verbas cheas de emoción e reivindicación,
da que manaron palabras tantos séculos silenciadas,
espeleóloga que sacou da profundidade
do abismo,
do precipicio do esquecemento
verbas dunha lingua milenaria
para facelas latexar de novo no corazón do pobo.
Luz que espallou claridade na escuridade
e reabriu a posibilidade de narrarnos no propio idioma.
A. Arias

14/02/25

NIN UNHA CHAMADA

 Sentada á porta 

da Universidade,

agardaba á parella,

era pola tarde.

Era pola tarde,

era á tardiña,

agardaba á parella

e íaselle a vida.


Miraba o reloxo

amañaba o pelo,

deixárana plantada?

non podía crelo.

Non podía crelo,

non lle parecía,

agardaba en balde!

e íaselle a vida.


Compoñía os libros

o móbil esculcaba,

nin un SMS,

por que non chamaba?

por que non chamaba?

por que non se erguía

deixárana plantada

fóraselle a vida.