01/01/17

FAMILIA DE RATOS

 A familia Rateiril

era moi, moi buliciosa,

chegaban a sete mil,

vaia se era numerosa!


Vivía toda xuntiña

nun enorme burato

e tiña un aluguer

moi, moi barato.


Tiñan a macrocociña

moi pretiño do salón,

ao fondo estaba o baño

e un despacho con balcón.


Todos os días

moi de mañanciña

marchaban ao traballo

no medio da campiña.


Mais esta semana

será especial,

tiñan outros labores

que non podía adiar:


O rato bigotudo

sairía con présa

a buscar a comida,

a merenda e a cea. 


Despois debería levar

a un ratiño ao doutor

tiña mal un dos dentes

e causáballe dor.

E como xa todos

deberedes saber

un ratiño non serve

se non pode roer.


A rata rabuda

marcharía de viaxe, 

pois tocaralle rodar

unha longametraxe.


Mentres iso pasa

o resto dos ratiños

farán os deberes

no burato sentadiños.


O único malo

e que á espreita estaba

o astuto do gato,

que en vendo a movida 

que  teñen os ratos,

ía ver se hoxe podía

quedar moi, moi farto.