01/02/15

AS UTILIDADES DUN MONSTRO MONSTROSO

 Un día

contiña un xornal

este anuncio orixinal:

"Empréstase monstro, monstroso,

do tamaño dun raposo,

peludo, gordecho, horroroso,

de todo menos silencioso

e case sempre cochambroso.

quen o queira pódeo levar,

sen un pataco pagar.

Marcar deben no aparato:

o 7-8-444."


Leu o anuncio María

e contoullo á súa tía:

- para que nos serviría

un ser tan singular?

- se cadra para asustar

a quen poida interesar.


Tamén o leu don Ramón

e díxollo ao patrón:

- pode ter utilidades 

con tan altas calidades?

- para os luns será o mellor

e o máis grande espertador

ou para un tétrico castelo

será o adorno máis belo.


Xa o lera toda a vila

ata a bruxa Domitila:

- para que poderei usar

ese curioso exemplar?

- de mascota dedorenta

para a vella meiga Vicenta

ou de peluche gracioso

para o ogro Sinforoso.


Tanta xente a chamar

para o monstro levar,

sobrecargaron a liña

da pequena centraliña.

Quen podería imaxinar

este éxito sen par?

Ata semella xeitoso

ese monstro monstroso!